Calviño: "En Santiago abordaremos investimentos na América Latina e o reforzo da economía europea"
Calviño: "En Santiago abordaremos investimentos na América Latina e o reforzo da economía europea"
A vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos destacou a importancia dunha xuntanza en que participan 60 países e que representan un 14 % da poboación mundial e un 24 % do PIB do planeta
"A min sorpréndeme ver un señor Feijóo instalado na oposición, segue opoñéndose ao señor Sánchez en vez de defender o seu propio liderado"
Nadia Calviño destacou que España ten a inflación máis baixa de Europa e que a Comisión Europea acaba de aumentar a previsión de crecemento do país
En canto á súa candidatura a presidir o Banco Europeo de Investimentos, dixo que "é moi cedo para especular"
Concidindo coa presidencia española de quenda en Europa, Santiago afronta esta semana unha das citas cruciais para a económica. Este venres comeza a xuntanza informal de Economía e Finanzas, dos ministros do Ecofin, que por primeira vez coincidirá coa celebración dunha reunión cos seus homólogos do Celac, da Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños.
A galega Nadia Calviño, vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos en funcións, coordina un cumio en que participan 1.600 persoas de 60 países e que representan un 14 % da poboación mundial e un 24 % do PIB do planeta.
Dúas xuntanzas para tratar os investimentos fóra e dentro de Europa
Calviño dixo que van ter dúas xuntanzas ben distintas. Unha será cos líderes de América do Sur, en que van falar de proxectos, de investimento e da reforma do marco financeiro internacional, nun contexto xeopolítico moi complexo.
"Abordaremos unha listaxe de proxectos para América do Sur e o Caribe, desde a protección da Amazonia ata a loita contra o argazo no Caribe ou a liña 2 do metro de Bogotá. Imos aterrar esa cooperación transatlántica en proxectos concretos e servirá para afondar nunha relación estratéxica que é vital neste momento nun mundo tan turbulento", afirmou Calviño.
Despois terán outro encontro só cos membros da Unión Europea cos ministros e os gobernadores dos bancos centrais para falar de política fiscal e monetaria, de seguridade estratéxica e autonomía da economía europea, temas chave para coordinar políticas e accións e reforzar a economía europea.
"Imos abordar a coordinación de política fiscal e política monetaria. Este xoves o BCE ten que tomar a decisión sobre a taxa de xuros. Todo apunta a que soben por última vez ou xa para a suba neste momento. É verdade que a situación de crecemento e inflación é moi distinta entre os países da UE. España é o país que máis está a medrar e coa inflación máis baixa. Outros están en recesión e coa inflación máis alta, por iso é difícil artellar este tipo de medidas", afirmou a vicepresidenta.
No tocante ás regras fiscais, como é unha xuntanza informal, non vai haber negociacións, pero esperan poñer as bases para as próximas xuntanzas do Ecofin.
"Tentaremos acadar un acordo para poñer unhas regras que nos permitan seguir cunha disciplina fiscal e cunha responsabilidade fiscal que nos dea tranquilidade para o futuro e que permita impulsar o crecemento económico e a creación de emprego", asegurou Calviño.
"A mensaxe dos españois foi clara: non queremos un Goberno PP-Vox"
No referente ao proceso de investidura, Nadia Calviño asegurou que ten claro quen vai gobernar, froito dos resultados das últimas eleccións xerais.
"Eu creo que Pedro Sánchez vai ter os apoios, porque a mensaxe que saíu das eleccións xerais é que a maioría dos españois non queren un Goberno PP-VOX, que é o que estamos a ver nas autonomías. Os gobernos onde están o primeiro que fan é quitar as bandeiras LGBTI, quitar dereitos, dar un paso atrás moi importante en todo o que temos avanzado nestas décadas. O goberno que España necesita é o de Pedro Sánchez, porque é continuidade e tranquilidade ás empresas, aos investidores e aos cidadáns de que esa folla de ruta que seguimos estes anos, que foi boa dende a perspectiva económica e tamén na convivencia en Cataluña e no conxunto de España, imos seguir con ela no futuro", afirmou.
Diálogo e Constitución son as liñas directrices
En Cataluña estase a falar da lei de amnistía que propón Carles Puigdemont, o Partido Popular xa artellou unha mobilización o domingo previo ao debate de investidura de Alberto Núñez Feijóo, dende as filas socialistas din que ese debate agora non toca. O momento chegará cando Pedro Sánchez teña o encargo do rei de conformar un goberno.
"Remítome aos feitos: dende que chegamos ao Goberno o que fixemos foi protexer a Constitución, recuperar a convivencia e a tranquilidade en Cataluña, mellorar o diálogo entre os españois, e mellorar a vertebración territorial do país e van seguir nese camiño na próxima lexislatura e todo o demais son especulacións", segundo a vicepresidenta.
"Eu creo que se están adiantando debates que non están enriba da mesa. Neste momento é a quenda do señor Feijóo, cando un se prepara para o debate de investidura é como un exame, hai que estar centrado en ser capaz de xuntar eses apoios explicando cal é a visión e a proposta para España que ten. A min sorpréndeme ver a un señor Feijóo instalado na oposición, segue opoñéndose ao señor Sánchez en troques de defender o seu propio liderado", subliñou.
"Cando chegamos ao Goberno fixemos un Consello de Ministros en Cataluña e a situación nas rúas era de tensión. O empuxe do nacionalismo e independentismo baixou significativamente, a España de hoxe non ten que ver coa de 2017-2018, e non quero volver atrás. Pero hai xente que quere volver atrás, porque ten morriña desde conflito, desa crispación e que trata todo o tempo de retroalimentala. Non é iso o que necesita o país, senón seguir cun Goberno responsable que contribúa a mellorar a convivencia e o diálogo, sempre dentro da Constitución", dixo.
En canto á visita de Yolanda Díaz a Carles Puigdemont, dixo que o fixo en calidade de líder de Sumar e non en canto ás súas funcións no Goberno. O que si e importante é centrarse no debate de investidura.
Goberno en funcións, pero traballando
Co Goberno en funcións non se poden aprobar leis e quedan pendentes tamén os orzamentos xerais do estado, que se terían que presentar en setembro para cumprir cos prazos. Para Calviño, isto non é un problema para o financiamento das comunidades autónomas incluída a galega.
"Aí non hai dúbida. A Xunta recibiu 1.400 millóns de euros, de fondos europeos que teñen que executar. O informe do Tribunal de Contas dicía que o ritmo era baixo, pero eu espero que se estea cumprindo ben cos prazos. E non deixamos de traballar. Estamos preparando a segunda fase do plan de recuperación para deixar todo en bo camiño para os próximos anos, despois pediremos o cuarto pago. Non estamos deixando de facer a xestión o máis eficientemente posible para que sigan os investimentos", afirmou a vicepresidenta.
"En canto aos orzamentos non hai decisión tomada, pero se houbese que prorrogalos temos un marco que permite seguir executando fondos europeos. A mensaxe é de tranquilidade e que as comunidades autónomas non paren e sigan cun bo ritmo de investimento, porque este é un dos factores que explica que España estea medrando máis que o resto de países europeos, que esteamos creando emprego a un bo ritmo e de máis calidade e mellores salarios, dixo Nadia Calviño.
Esta mesma semana a Comisión Europea revisou á alza a previsión de crecemento económico de España, e a vicepresidente destacou que España ten a inflación máis baixa de Europa, un 2,4 %.
"Non podemos ser compracentes, porque as familias españolas e galegas están moi preocupadas co prezo do aceite, co prezo dos alimentos. Temos que seguir atentos e tomar as medidas para axudar e amortecer o impacto, aínda estando cos prezos máis baixos dos países europeos. Estes datos positivos teñen que darnos unha relativa confianza", asegurou.
En canto ás previsións para este outono e de cara a final de ano, afirmou que é difícil saber o que vai pasar e que o Goberno está centrado na presidencia española da UE e seguir xestionando ben a economía.
"Malia que nos tivemos que enfrontar a retos extraordinarios coma a pandemia, a guerra, a inflación, España tomou as decisións correctas e o Goberno reaccionou ben. Seremos capaces de afrontar o que nos veña por diante", dixo.
Candidata a presidir o Banco Europeo de Investimentos
Do cumio pode saír, ademais, o nome do próximo presidente ou presidenta do Banco Europeo de Investimentos, algo que a vicepresidenta desbotou, porque ela mesma está entre as candidaturas presentadas.
De acadala, sería a primeira vez que unha muller e que unha persoa española estivese na presidencia. Calviño dixo que é un posto importante agora e que o vai ser máis no futuro porque financiará o apoio a Ucraína e a reconstrución e investimentos importantes noutros lugares do mundo e sobre todo en Europa para a transición verde e dixital.
"Espero que cuanto antes se constitúa o Goberno liderado por Pedro Sánchez, estamos pendentes do debate do señor Feijóo, que creo que non vai ter os apoios, e será a ocasión de que Pedro Sánchez revalide a presidencia e poidamos xa ter un Goberno plenamente operativo, en que eu seguiría no meu posto ata que, dado o caso, me incorporase ao Banco Europeo de Inversións. É moi cedo para especular", afirmou Calviño.