Colas en Lugo para retirar entradas dos concertos inaugurais do novo auditorio
Colas en Lugo para retirar entradas dos concertos inaugurais do novo auditorio
A soprano Ainhoa Arteta actuará os días 20 e 22 no novo recinto de Magoi
Algúns veciños agardaron ata seis horas para facerse coas entradas gratuítas
Ata seis horas estiveron gardando a cola algúns dos veciños que querían conseguir as entradas para a actuación de Ainhoa Arteta no acto de inauguración do novo auditorio de Lugo, situado no barrio de Magoi. Por momentos, as ringleiras ocupaban por completo a rúa da Raíña, unha das máis concorridas da cidade. Despois de oito anos de agardar polo auditorio, xa hai ganas de estrealo.
A soprano vasca actuará os días 20 e 22 de decembro, mentres que a Orquestra Terra Nova ofrecerá a segunda actuación do novo auditorio o 21 de decembro.
"Hai quen leva aquí seis horas", conta un veciño. "O que non madrugue queda sen a entrada", engade outro.
As ringleiras tamén son unha oportunidade. Hai quen aproveita o tempo de espera para desfrutar da lectura e mesmo quen se dirixe os que gardan fila para facer labor comercial. E é que a oferta de entradas gratuítas resulta do máis tentadora tendo en conta que hai previstas actuacións para os tres días.
Por outra banda, este luns tamén quedou aberta a consulta pública impulsada polo Concello de Lugo para elixir o nome que levará o novo auditorio da cidade, mediante unha votación a través da web municipal www.concellodelugo.gal e na que os veciños poderán elixir entre as opcións Maruja Mallo, Maruxa Villanueva, Fuxan os Ventos ou Dario Xohán Cabana, esta última proposta pola Alcaldía.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos precisou que, aínda que o Goberno local ten a potestade para elixir o nome do auditorio, quere que sexan os veciños os que tomen esa decisión, para “respectar o sentir maioritario dos lucenses” e que esta infraestrutura cultural, que custou máis de vinte millóns de euros, inicie a súa “actividade desde a unidade”.