Colleita escasa de nabizas debido á calor e ás chuvias intensas deste outono
Colleita escasa de nabizas debido á calor e ás chuvias intensas deste outono
As xeadas queimaron parte da verdura, aínda que purgaron a bichería e déronlle sabor
A campaña das nabizas non vai tan ben coma outros anos. Así o afirman os produtores desta verdura, que sinalan como causa o tempo irregular deste outono. As chuvias intensas e as temperaturas anormalmente altas das últimas semanas fixeron que a colleita, en xeral, sexa escasa.
Oliva Souto, produtora de nabizas: "Non lles veu o tempo moi favorable. Choveulles moitísimo e fixo calor, que é o peor. Con calor e humidade, teñen moita bichería e están moi picados".
Marta Vázquez, produtora da asociación A Estruga: "Veu un outono cálido e choveu moi seguido. No noso caso, saíron uns nabos raros, e non mestos, e proliferou a herba no medio deles".
Pero non só a calor e o exceso de chuvia lle afectaron negativamente ao desenvolvemento das nabizas. A isto hai que engadir a xeada dos últimos días, que queimou boa parte das follas. Así e todo, o sabor da verdura mellora co frío.
Oliva Souto, produtora de nabizas: "O nabo quere frío, e co frío ten sabor. Estes días hai xeadas, e se non son moi persistentes, eu creo que non lles fai mal. Agora, se o tempo mellora, eles medran para arriba".
Debido á súa escaseza, subiu o prezo da nabiza, que este ano se está a vender a dous euros o mollo dun quilo.