Publicador de contidos

Publicador de contidos

Condenado a 7 anos de prisión por violar outro home nun baño dun aparcadoiro en Vigo

Condenado a 7 anos de prisión por violar outro home nun baño dun aparcadoiro en Vigo

O agresor tamén levou o móbil da vítima e deberá indemnizala con 9.000 euros

A sentenza inclúe medidas de afastamento e liberdade vixiada tras o cumprimento da pena

Foto de arquivo/Europa Press Foto de arquivo/Europa Press
G24.gal 22/04/2025 17:03 Última actualización 22/04/2025 17:16

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a Borja F.F. a 7 anos de cárcere por un delito de agresión sexual con penetración e outro de roubo con violencia, tras violar outro home nos baños dun aparcadoiro na cidade.

Os feitos ocorreron de madrugada o 29 de maio de 2022. O acusado atopouse coa vítima na rúa Rosalía de Castro. Esta persoa comentoulle que lle roubaran o bolso e, coa escusa de axudalo, o agresor convidouno a baixar aos baños dun aparcadoiro para consumir cocaína.

Unha vez dentro, o procesado pechou a porta, agarrou a vítima polo cabelo para forzala a facerlle unha felación e, despois de empuxala contra unha parede, penetrouna analmente. Finalmente, empurrouna ao chan e marchou levando o seu teléfono móbil.

A Audiencia dá credibilidade ao relato da vítima

O tribunal considera probado o relato da vítima, apoiado por elementos como o feito de que contara inmediatamente aos seus amigos o ocorrido e os informes policiais que recollen o seu estado de shock. Os axentes detiveron o agresor e recuperaron o móbil roubado.

A sentenza subliña que a ausencia de lesións físicas non exclúe a existencia dunha agresión sexual, e apunta que hai probas da “marca psíquica” deixada na vítima, que actualmente segue tratamento por trastornos de ansiedade.

Sete anos de cárcere e indemnización

A Audiencia descarta a versión do acusado, que admitiu o consumo de droga no baño, pero negou a violación e alegou que levou o móbil “de forma inconsciente”.

A sentenza impón 7 anos de prisión, a prohibición de comunicarse ou achegarse á vítima durante 10 anos e liberdade vixiada durante 5 anos tras cumprir a condena.

Ademais, Borja F.F. deberá indemnizar a vítima con 9.000 euros polos danos sufridos. A resolución non é firme e pode ser recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade