Conservadores e socialdemócratas ultiman un acordo para formar goberno en Alemaña
Unión Cristianodemócrata (CDU) e a Unión Socialcristiana (CSU), e o Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD) acordaron un texto pendente aínda de dous puntos clave

O bloque conservador formado pola Unión Cristianodemócrata (CDU) e a Unión Socialcristiá (CSU) alcanzou este martes un acordo co Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD) para formar un goberno de coalición, seis semanas despois das eleccións xerais celebradas o pasado 23 de febreiro. Así o confirmaron medios alemáns como a canle NTV e a revista Focus, que citan fontes próximas á negociación.
O acordo foi selado polo líder da CDU, Friedrich Merz; o primeiro ministro de Baviera e xefe da CSU, Markus Söder; e a copresidenta do SPD, Saskia Esken. O texto que recolle as liñas mestras da futura acción de goberno será presentado este mércores nunha rolda de prensa ás 10:00 GMT.
Segundo informou NTV, os conservadores mostraron présa por pechar o pacto nesta xornada, mentres que o SPD prefería estender a negociación un día máis. Aínda quedaban por ultimar detalles, mais o texto xa foi descrito como un “acordo fundamental” para levantar a nova coalición gobernamental.
Últimos axustes e validación interna
Entre os puntos aínda pendentes figuran dúas das principais demandas do SPD: a subida de impostos ás rendas máis altas e a mellora das pensións, propostas ás que a CDU mantiña a súa oposición ata a noite do martes.
Unha vez presentado o documento definitivo, o pacto deberá ser ratificado pola CDU nun congreso convocado expresamente, e polos militantes do SPD a través dun proceso interno de consulta que se estima durará uns dez días.
Se se completa este calendario, Friedrich Merz podería ser elixido chanceler no Bundestag o vindeiro 6 de maio, dous días antes do acto de conmemoración polos 80 anos da liberación do nacionalsocialismo, no que o líder conservador aspira a participar como novo xefe de goberno.
Contexto económico e presión internacional
O acordo chega nun momento delicado para Alemaña, cunha economía -a maior da Unión Europea- que encadea dous anos en recesión: o PIB caeu un 0,3 % en 2023 e un 0,2 % en 2024. Os conservadores apostan por medidas como reducir impostos e burocracia para reactivar a economía, segundo fontes citadas por NTV.
A urxencia das negociacións intensificouse tras o anuncio do presidente estadounidense, Donald Trump, quen declarou o chamado "Día da Liberación" cun paquete de aranceis internacionais do 20 % para a UE, o que xerou inquedanza nos mercados europeos.
Ademais, CDU e CSU chegaron a esta semana clave baixo presión demoscópica, xa que a última sondaxe do instituto INSA situaba a CDU/CSU e á ultradereitista Alternativa para Alemaña (AfD) empatadas co 24 % dos votos. Nas eleccións do 23 de febreiro, os conservadores gañaran con un 28,6 %, por diante da AfD (20,8 %), o SPD (16,4 %), Os Verdes (11,6 %) e A Esquerda (8,8 %).