Publicador de contidos

Publicador de contidos

Merz, tras asinar o acordo da gran coalición en Alemaña: "Xogámonos moito"

Merz, tras asinar o acordo da gran coalición en Alemaña: "Xogámonos moito"

CDU e SPD selan un pacto ante a incerteza global e prometen unha Alemaña forte e activa no escenario internacional

O acordo inclúe medidas económicas, reformas migratorias e reforzo da seguridade

Reuters-Annegret-Hilse Reuters-Annegret-Hilse
G24.gal 09/04/2025 16:12 Última actualización 09/04/2025 21:12

A Unión Cristianodemócrata (CDU) e o Partido Socialdemócrata (SPD) de Alemaña pecharon este mércores un acordo de Goberno de coalición, nun contexto marcado pola inestabilidade económica derivada da guerra comercial entre Estados Unidos e A China e polo conflito en Ucraína.

O líder da CDU e futuro chanceler, Friedrich Merz, presentou o pacto como o retorno dunha Alemaña "forte e capaz de actuar" no escenario internacional. Subliñou que está en xogo o futuro do país, da cidadanía e de Europa, ante as tensións políticas globais e a crecente incerteza económica.

En resposta ao presidente estadounidense, Donald Trump, Merz afirmou que Alemaña cumprirá cos seus compromisos en defensa e reforzará a súa competitividade. Garantiu tamén que o país volverá ser un socio forte na Unión Europea.

O colíder do SPD e previsiblemente futuro ministro de Finanzas e vicechanceler, Lars Klingbeil, defendeu a necesidade dun Goberno estable, apoiado nun plan histórico de investimento de 500.000 millóns de euros en infraestrutura e transición ecolóxica, así como nun orzamento de defensa case ilimitado.

Medidas económicas e migratorias no acordo de Goberno

O pacto inclúe un programa de impulso económico con incentivos fiscais á innovación e á inversión, como deducións do 30 % anual en maquinaria ata 2027 e unha baixada progresiva do imposto de sociedades do 15 % ao 10 %.

Tamén se recollerán bonificacións por traballar tras a xubilación, como un ingreso mensual libre de impostos de 2.000 euros, e a exclusión fiscal das horas extra.

Un dos piares do acordo é un novo rumbo na política migratoria, co obxectivo de reducir drasticamente a inmigración irregular. Prevese aplicar controis fronteirizos, rexeitar solicitudes de asilo, suspender programas de acollida voluntaria e limitar a reunificación familiar. Ademais, ampliarase o listado de países de orixe seguros e modificarase a lei de cidadanía, restablecendo o prazo mínimo de naturalización a cinco anos.

Reformas institucionais e reparto ministerial

No eido da seguridade, crearase un Consello de Seguridade Nacional e un gabinete de crise na Chancelería. Establecerase tamén un servizo militar voluntario, seguindo o modelo sueco.

O novo Goberno prevé modernizar a Administración coa creación dun Ministerio de Dixitalización e a redución do tamaño do goberno federal nun 8 % ao longo da lexislatura.

Segundo o acordo, a CDU asumirá sete ministerios, entre eles Economía, Exteriores, Sanidade, Educación e Transporte. O SPD tamén xestionará sete carteiras, como Finanzas, Traballo, Xustiza e Vivenda. A CSU, pola súa banda, disporá de tres: Interior, Agricultura e Ciencia e Espazo.

A votación para investir a Friedrich Merz como chanceler aínda non ten data, mais prevese para comezos de maio, unha vez que os partidos consulten coas súas direccións e bases.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade