División entre as potencias europeas sobre o envío de armas a Ucraína
España e Alemaña ven prematuro ese envío, do que serían máis partidarios o Reino Unido e Francia
Rusia e os Estados Unidos buscan en Riad a paz en Ucraína á marxe de Europa
Tras tres anos de apoio incondicional a Ucraína, o temor a quedar á marxe do desenlace da guerra moveu a Emmanuel Macron a convocar de urxencia este encontro.
O presidente francés, que este luns falou con Donald Trump, xuntou en París os líderes da OTAN, da Comisión e do Consello europeos, o primeiro ministro británico e os xefes de Goberno de 6 paises comunitarios, entre eles España, un formato que non gustou en Eslovaquia ou Hungría.
O obxectivo é forzar a presenza europea na mesa de negociacións nun asunto, dixo Keir Starmer, que "non vai só da primeira liña de Ucraína, vai da primeira liña de Europa e do Reino Unido e da nosa seguridade nacional". O líder británico defende o envío de tropas como forza de paz. Francia, os Países Baixos ou Bélxica secundarían a idea, fronte a prudencia expresada por Alemaña ou España.
José Manuel Albares, ministro de Asuntos Exteriores, cre "moi incipiente falar nestes momentos do despregamento de tropas en Ucraína".
O cumio chega 24 horas antes de que Rusia e os Estados Unidos comecen a negociar. En Arabia Saudita vanse ver o secretario de estado estadounidense, Marco Rubio, e o ministro de Exteriores ruso, Sergei Lavrov, que hoxe foi claro: "Europa non pinta nada na mesa de negociacións".
Casualmente, ao outro lado da fronteira saudita estivo hoxe Volodimir Zelenski, que aínda así non foi convidado ao encontro. Desde Abu Dhabi, o líder ucraíno advertiu que os Estados Unidos non teñen dereito a falar con Rusia sobre Kiiv sen a súa participación e que non recoñecerán ningún resultado desa primeira conversa.
A voz de Ucraína non entrará en xogo ata o xoves, cando visite o país o enviado especial de Donald Trump para a rexión.