Aumenta a presión hospitalaria tras ingresaren trinta persoas con covid–19
Aumenta a presión hospitalaria tras ingresaren trinta persoas con covid–19
Medran os casos activos e os contaxios, pero a menor ritmo
O Sergas notificou dous falecementos nas últimas horas
A pandemia continúa a súa expansión en Galicia, pero cada vez a menor ritmo. Segundo os últimos datos facilitados polo Sergas, nestes momentos hai 72.441 casos activos. Son 2.724 máis ca na xornada anterior, case a metade da suba rexistrada este sábado.
Nas últimas horas notificáronse 7.838 novos contaxios, 776 menos ca os computados no último informe oficial.
Por áreas sanitarias, Vigo continúa á cabeza con máis de 2.100 contaxios nas últimas 24 horas. Séguea A Coruña, que volve superar os 1.600 positivos diarios. Santiago, Pontevedra, Lugo e Ourense andan polo milleiro de novos contaxiados en 24 horas. Ferrol mantense preto dos 400.
Presión asistencial
Empeora de xeito salientable a situación nos hospitais das distintas áreas sanitarias, onde permanecen ingresadas 569 persoas, trinta máis ca este sábado. En planta hai 515 doentes (+32) e nas unidades de coidados intensivos 54 (-2).
As cifras aumentaron notablemente nos últimos 15 días. Se tomamos como referencia o comezo do ano, concretamente o 1 de xaneiro, había 333 persoas ingresadas por covid–19 nos distintos centros hospitalarios.
As hospitalizacións medraron desde entón un 70 %, en tan só dúas semanas. A área sanitaria da Coruña é a que máis presión hospitalaria ten, con 126 persoas ingresadas en planta e 14 en UCI.
Tendo en conta o número de casos activos, a presión hospitalaria mantense contida. A maior parte dos positivos, o 99,1 %, pasa a infección na casa con síntomas leves ou sen eles. O 0,8 % está no hospital e o 0,1 % nas unidades de coidados intensivos.
A variante ómicron do coronavirus ten un impacto menor nas hospitalizacións de Galicia que a delta. Segundo os últimos datos facilitados pola consellería de Sanidade, o 63 % de persoas ingresadas en planta están contaxiadas coa variante delta e o 37 % coa ómicron.
O 74 % de doentes nas Unidades de Coidados Intensivos dos hospitais galegos ten a delta, mentres que os 26 % se infectou coa ómicron.
Falecementos
Nas últimas horas morreron dúas persoas con covid-19 en Galicia, unha muller de 77 anos no CHUS e un home, de 84, no CHOP. Segundo notificou o Sergas, tiñan patoloxías previas. Son xa 2.847 os falecementos desde o comezo da pandemia.