O gol de Lucas vale o seu peso en ouro
O Deportivo sofre para gañarlle ao Majadahonda, cun gol da súa estrela
O resto de resultados favoreceron o equipo coruñés, coa derrota do Alcorcón e os empates de Real Madrid e Córdoba
Tres partidos, catro goles e un tanto decisivo ante o Majadahonda. O gol de Lucas Pérez no minuto 78 serviulle ao Deportivo para lograr tres puntos vitais, máis aínda vendo os resultados dos seus rivais.
O Deportivo comezou cunha ofensiva total sobre a portería do Majadahonda. Xerou ata seis ocasións claras nos primeiros vinte minutos. Lucas, Quiles, Villares e Soriano tiveron o gol nas súas botas pero faltoulle acerto ao equipo coruñés.
O Majadahonda tardou en frear a ofensiva do Deportivo, pero pouco a pouco comezou a controlar o partido. De feito, ata o descanso non volveron incomodar o seu porteiro, Lucho García.
O segundo tempo foi polo mesmo camiño. Co paso dos minutos ía aparecendo o nerviosismo no equipo de Óscar Cano, incapaz de xerar accións de ataque. No 75 entrou Yeremay, que tivo nas súas botas o gol. E no 78 Lucas Perez empurrou á rede un centro medido de Antoñito, cun gol que vale o seu peso en ouro.