Difunden as primeiras imaxes do papa Francisco no féretro
As imaxes pertencen ao momento da constatación da morte este luns: o papa descansa sobre un féretro de madeira forrado de veludo vermello cunha casula púrpura e unha mitra branca e nas mans leva un rosario
Os cardeais presentes en Roma reúnense este martes na primeira congregación, as reunións dos purpurados tras a morte do papa Francisco, para definir os primeiros detalles, como as modalidades do traslado do corpo ou a data do funeral
O papa deixou no testamento a súa vontade dunha tumba sinxela en Santa María a Maior

O Vaticano difundiu este martes as primeiras imaxes do papa Francisco, falecido este luns aos 88 anos, no féretro de madeira na capela da que foi a súa residencia, a Casa Santa Marta.
O papa descansa sobre un féretro de madeira forrado de veludo vermello cunha casula púrpura e unha mitra branca e nas mans leva un rosario. As imaxes pertencen ao momento da constatación da morte este luns ás 20:00 horas e obsérvase moitos dos cardeais presentes en Roma, que acudiron á capela. O papa está rodeado polos seus colaboradores.
Os cardeais presentes en Roma reúnense este martes na primeira congregación, as reunións dos purpurados tras a morte do papa Francisco, para definir os primeiros detalles, como as modalidades do traslado do corpo ou a data do funeral. "A primeira reunión terá lugar ás 09:00 (na aula do Sínodo. Convido cordialmente os cardeais maiores de 80 anos a participaren nestas Congregacións Xerais preparatorias, aínda que, como se establece no n.º 7 da Constitución Apostólica, teñen liberdade para participar ou non", lese na carta que o decano do colexio cardinalicio, Giovanni Battista Re, enviou aos purpurados tras a morte do pontífice.
As congregacións son as reunións que preceden ao conclave, nas que se deciden algúns pasos posteriores. Hoxe, con total seguridade, poderase coñecer a data do funeral, que terá lugar previsiblemente entre o venres e o domingo segundo a lexislación vixente vaticana.
Tamén se confirmará o traslado do corpo á basílica de San Pedro, para que os fieis lle rendan homenaxe, que case seguro será este mércores, 23 de abril, segundo anunciou a oficina de prensa do Vaticano.