Publicador de contidos

Publicador de contidos

O funeral do papa Francisco será este sábado na praza de San Pedro

O funeral do papa Francisco será este sábado na praza de San Pedro

Ao finalizar a cerimonia, á que asistirán xefes de Estado e mandatarios de todo o mundo, o papa será levado a basílica de Santa María a Maior para ser enterrado, segundo deixou escrito no seu testamento

Os fieis poderán despedirse do papa ata o venres en horarios ata a medianoite

Difunden as primeiras imaxes do papa Francisco no féretro

directo (Vatican Media/Vía Reuters)
G24.gal 22/04/2025 10:21 Última actualización 22/04/2025 16:16

O funeral do papa Francisco celebrarase este sábado, 26 de abril, ás 10:00, hora local, na praza de San Pedro do Vaticano.

A cerimonia, á que está previsto que cheguen xefes de Estado de todo o mundo, estará oficiada polo decano do colexio cardinalicio, Giovanni Battista Re, e ao termo o féretro será trasladado á basílica de Santa María a Maior para ser enterrado, segundo deixou escrito o pontífice arxentino no seu testamento.

Este mércores, tras un momento de oración, presidido polo carmarlengo, o cardeal Kevin Joseph Farrell, comezará "a translación" do corpo. A procesión pasará pola praza Santa Marta e a praza dos Protomártires Romanos e desde o Arco das Campás sairá á praza de San Pedro e entrará na Basílica Vaticana pola porta central.

Os fieis poderán despedirse do papa ata o venres

Despois no Altar da Confesión, baixo o baldaquino, o cardeal camarlengo presidirá a Liturxia da Palabra, ao final da cal comezará a visita dos fieis.

O féretro do papa Francisco será exposto desde mañá mércores na basílica de San Pedro ata o venres ás 19:00, hora local, pero os dous primeiros días o templo estará aberto ata a medianoite.

O corpo depositouse nun único cadaleito de madeira co interior de zinc e expoñerase directamente no féretro aberto, pero non nun catafalco como fora ata o de agora e tampouco se colocará o báculo papal durante esta exposición.

Elimínase a tradición de enterrar os papas en tres cadaleitos: "un de ciprés, un segundo de chumbo e un terceiro de carballo e outro de madeira".

Tras o funeral, o féretro será trasladado inmediatamente á basílica de Santa María a Maior como deixou escrito Francisco para a tumulación.

No seu testamento indicou: "Solicito que o meu sepulcro sexa preparado no nicho da nave lateral entre a Capela Paulina (Capela da Salus Populi Romani) e a Capela Sforza da citada Basílica Papal".

O sepulcro, escribiu o papa arxentino: "debe estar na terra; sinxelo, sen decoración particular e coa única inscrición: Franciscus", lese no testamento publicado tras a súa morte aos 88 anos. 

Os reis asistirán ao funeral do papa

Os reis Felipe e Letizia asistirán o vindeiro sábado ao funeral do papa Francisco. O rei, que acudiu este martes xunto a Letizia e a raíña Sofía á Nunciatura Apostólica para asinar no libro de condolencias, presidirá a delegación española como xefe do Estado.

O Goberno aínda non concretou cal será a súa representación dentro desa delegación.

Os reis, Filipe VI e Letizia, canda a raíña Sofía, este martes na nunciatura en Madrid (EFE/Juan Carlos Hidalgo) Os reis, Filipe VI e Letizia, canda a raíña Sofía, este martes na nunciatura en Madrid (EFE/Juan Carlos Hidalgo)

Os líderes internacionais confirman a súa presenza

Entre os primeiros en confirmar o seu desprazamento a Roma está o presidente dos EUA, Donald Trump, que viaxará coa súa esposa Melania. Tamén asistirá Volodimir Zelenski, líder ucraíno, segundo informaban fontes da presidencia do país.

O presidente ruso, Vladimir Putin, non ten plans de acudir o sábado ao enterro do papa Francisco. "Non, o presidente non ten tales plans", dixo Dmitri Peskov, portavoz do Kremlin. En canto a quen representará a Rusia no acto, Peskov asegurou que non hai unha decisión final e que informará no seu momento sobre iso.

Os presidentes da Comisión Europea, do Consello Europeo e da Eurocámara, Ursula von der Leyen, António Costa e Roberta Metsola, respectivamente, xa confirmaron que asistirán ao funeral.

O presidente francés, Emmanuel Macron, tamén anunciou a súa presenza en Roma o día 26 despois de que onte, tras coñecer a noticia do óbito, rendese homenaxe a Francisco, de quen subliñou que durante todo o seu pontificado "estivo á beira dos máis débiles".

Pola súa banda, o rei Filipe e a raíña Matilde de Bélxica asistirán á cerimonia relixiosa deste sábado tras definir ao pontífice arxentino de "grande home, próximo aos máis humilde e preocupado polos problemas do mundo".

Outros dirixentes que confirmaron a súa presenza foron a presidenta de Suíza, Karin Keller-Sutter, e o presidente interino de Romanía, Ilie Bolojan.

Desde outras latitudes aínda non aclararon que tipo de representación terán no funeral, caso da China, que non ten vínculos diplomáticos coa Santa Sé desde 1951 e que este martes, con todo, expresou as súas condolencias pola morte do papa e, mediante o Ministerio de Exteriores, afirmou estar disposta a "traballar xunto ao Vaticano para promover a mellora continua" das súas relacións bilaterais. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade