Emilio Fernández "Viaxar é unha irresponsabilidade. Non queremos repetir un caso Fuenlabrada"
O vicepresidente do Liceo explica a decisión do conxunto feminino de non voar a Catalunya
O Liceo Feminino decidiu non desprazarse a Mataró para disputar o seu encontro da OK Liga mentres non coñeza o resultado dunha PCR a unha persoa que tivo contacto directo co equipo e tras confirmar este venres un positivo na plantilla. A Federación só suspende os partidos se hai catro casos nun mesmo equipo. Polo Galicia en Goles pasou o vicepresidente liceísta, Emilio Fernández, para explicar a situación.
"Viaxar é unha irresponsabilidade. Temos unha persoa, á espera de saber o resultado, que o pasado mércores foi na furgoneta, estivo con dez membros do equipo. Que facemos se esa persoa é positivo? Con todo o equipo en Catalunya. Non queremos ser outro caso Fuenlabrada"
Emilio Fernández foi moi claro coa postura do conxunto coruñés, nunha situación epidemiolóxica complicada nas últimas semanas.
"Hai que usar o sentido común. Preferimos pecar de cautos. Pensamos non só na saúde das nosas xogadoras, tamén do rival, dos pasaxeiros do avión, dos usuarios do hotel. Hai que antepor a saúde pública"