O Celta acariña o empate pero cae na Cerámica (1-0)
O Celta acariña o empate pero cae na Cerámica (1-0)
Aspas-Mina-Aspas-Dituro. Ata 4 oportunidades claras nos 5 últimos minutos do partido, pero os celestes marchan sen premio
O Celta deixou boa parte das aspiracións europeas na Cerámica. Alí discutiulle a posesión ao Vilarreal nos primeiros minutos pero, aos poucos, o submariño foi inclinando o campo cara a porta de Dituro, e cara a banda esquerda do seu ataque.
Por alí, un omnipresente Danjuma converteuse nun pesadelo para Kevin. As súas incursións remataban en remates de perigo, e mesmo cun gol anulado a Lo Celso por fóra de xogo. O treito final da primeira parte tinguiuse de celeste, pero non foi ata a continuación cando comezou a impoñerse a calidade das dianteiras.
E chegaron aí as ocasións claras. Primeiro, Iago Aspas topaba con Pedraza no camiño do gol. E, despois, asistía a Brais para o remate cruzado do de Mos, na ocasión máis clara do Celta. Pero o Vilarreal tampouco dixera a última palabra. Danjuma chegaba moi forzado e non era quen de empuxar o centro de Pedraza. E logo era o lateral o que tampouco atopaba a portería de Dituro. E así chegamos ao minuto 63, cando Parejo engancha o pase de Trigueros e, agora si, alóxao no fondo da rede. Quizais demasiado brando Dituro na acción clave do encontro.
Tal e como diagnosticou Coudet hai unha semana, o seu equipo ten problemas coa finalización. E, malia que faltaba media hora do partido, non inquedou a Rulli ata o minuto 89 logo dun erro de Parejo e o remate de Aspas que sacaba o porteiro. E, no córner posterior, foi Mandi o que salvou aos castellonencos cun despexe acrobático a tiro de Santi Mina. Sen finalización, e o partido finalizou 1-0.
Minuto a minuto
Moi boas! O Celta busca unha vitoria que lle achegue aos postos europeos que precisamente ocupa o seu rival de hoxe, o Vilarreal
Coudet sorprende coa titularidade de Nolito no sitio de Cervi, repite Galhardo como titular e Kevin, como se prevía, ocupa o sitio do sancionado Hugo Mallo
𝐀𝐋𝐈𝐍̃𝐀𝐂𝐈𝐎́𝐍 👥💙 O noso equipo!#VillarrealCelta #RCCelta pic.twitter.com/UVE3AtEIte
— RC Celta Galego (@RCCeltaGL) March 12, 2022
Comezou o partido, xoga o balón o Vilarreal
Arriba Albiol!
Rematou o central do Vilarreal na primeira clara dos groguets. Pouco que contar aínda no partido
Alto Chukwueze!
Sen tiros entre os tres paus pero os dous achegamentos máis claros nas botas dos de amarelo
Gol anulado ao Vilarreal!
Centro á reviravolta de Trigueros e Lo Celso bateu a Dituro en posición antiregulamentaria
Tentouno Aspas!
O máis activo no Celta neste primeiro tempo, cada vez que a ten pasan cousas distintas
Boa parede entre Brais e Aspas, o centro deste último remata en córner
Mellor o Celta neste últimos intres da primeira parte
O Celta foi de menos a máis nunha primeira parte de poucos tiros a porta e de ritmo máis ben lento
Os visitantes gozaron das mellores ocasións nos primeiros 15 minutos, mesmo un gol anulado por fóra de xogo de Lo Celso
Comeza a segunda metade na Cerámica!
TÍVOA O CELTA!
A máis clara do partido, evitou Pedraza o gol de Aspas de volea. E xusto na seguinte xogada parou Dituro! Dúas xogadas a área no primeiro minuto de xogo, ritmo vertixinoso!
OUTRAA DE BRAIS!
O remate coa dereita do de Mos marchou moi preto do pau dereito de Rulli logo de varias combinacións atinadas dos celestes
Respostou Danjuma!
Logo de dúas chegadas do Celta estivo a piques de marcar o dianteiro do Vilarreal meténdolle a punteira a un gran centro tenso de Pedraza
Pedía penalti o Vilarreal por unha posible man de Beltrán dentro da área, non o considerou así nin o colexiado en primeira instancia nin o VAR despois
Arriba Pedraza!
Vaia partido está a facer o lateral do Vilarreal que xusto na xogada anterior protestou unha caída na área nunha acción con Aspas
Gol de Dani Parejo
Marca o primeiro o Vilarreal logo dunha boa xogada. Deixou Trigueros co calcaño e Parejo definiu coa zurda para bater a Dituro
Tentouno Araújo dende moi lonxe...
Sen ideas o Celta cando restan 10 minutos para o final do partido
Chegou Aidoo para rachar co perigo dunha contra do Vilarreal
Sen capacidade de resposta o Celta
IAGOOOOO... PAROU RULLI
Boa recuperación de Mina, encara Aspas e dispara coa dereita dende a frontal. Despexou o gardameta arxentino
SACOUNA MANDI NA LIÑA
Remate de Santi Mina e o central do Vilarreal que evita sobre a liña o gol, apertando o Celta nestes minutos finais na procura do empate!
E OUTRA DE ASPAS QUE PIDE PENALTI
Rematou na área pequena o moañés pero evitou co corpo un defensor de Vilarreal o empate do Celta
Entroulle a présa ao Celta demasiado tarde, gozou de catro grandes oportunidades para lograr o empate do tanto de Parejo pero non foi quen de marcar.
A última, de Dituro, é o exemplo perfecto de que os de Coudet tentaron tirar máis de orgullo e corazón que de fútbol.
Ao final, 1-0 e derrota celeste