Publicador de contidos
Publicador de contidos

España asume que Venezuela non presentará as actas das eleccións e pide unha resposta común da UE

España asume que Venezuela non presentará as actas das eleccións e pide unha resposta común da UE

Albares descarta sancións e aposta pola vía negociada 

O opositor Edmundo González Urrutia intervén no cumio informal de ministros de Exteriores da UE

O chavismo e a oposición volveron medir as súas forzas nas rúas de Venezuela

G24.gal 29/08/2024 11:00

O ministro español de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, dixo este xoves que a Unión Europea debe ver de que "ferramentas" dispón para responder á crise en Venezuela ante a evidencia de que non se van a presentar as actas electorais, pero descartou falar de sancións e dixo que hai que seguir apostando polo diálogo.

"Seguimos apostando polo diálogo e a negociación entre os venezolanos para que se respecte a vontade democrática", dixo Albares á súa chegada a unha reunión informal de responsables de Exteriores da UE. Hai que ver, engadiu, "de que ferramentas dispoñemos para que avance esa vontade".

Na reunión, o candidato presidencial da principal coalición opositora de Venezuela, Edmundo González Urrutia, dirixirase por videoconferencia aos ministros de Exteriores da Unión Europea, que hoxe debaterán a crise nese país, entre outros asuntos.

Albares explicou que, a petición de España, solicitarase á UE a través dunha declaración común "que non se recoñeza ningún resultado electoral nin, por suposto, ningún tipo de vitoria (...) se non se exhiben as actas de todas as mesas electorais e se poden verificar".

Pero ao mesmo tempo, sinalou, España ten previsto "expor que xa transcorreu un tempo máis que prudencial" e que "nos enfrontamos á situación de que probablemente non imos poder coñecer e non se van poder analizar por parte da oposición esas actas".

Albares lembrou ademais os informes de observadores como o centro Carter ou o Panel de expertos de Nacións Unidas "que trasladan dúbidas moi serias sobre o que ocorreu no momento no que se fixo o reconto electoral" e "dunha serie de circunstancias" que levan a que non poidan considerarse que existiron as garantías democráticas necesarias.

Referiuse ademais aos contactos co Brasil, país co que hai "plena sintonía para unir forzas, Europa e América Latina, para conseguir ese diálogo e esa negociación", sinalou.

O que buscará España, explicou Albares, é "unha posición común" da UE e dos países de América Latina "que teñen o mesmo interese" de que "triunfe a vontade democrática".

O que se busca na reunión de hoxe é "unha análise" en que se expoñan cuestións como "que podemos facer e que debemos facer" co "obxectivo último" do "diálogo entre venezolanos" e para unha "solución negociada, pacífica, xenuinamente venezolana, engadiu.

Ao preguntarlle pola posibilidade de expor sancións, o ministro dixo que non se debe "perder a paciencia en absoluto" e subliñou que tamén a oposición venezolana segue apostando polo diálogo e a negociación.

Sobre unhas eventuais novas eleccións no país, o ministro español constatou "que tanto Goberno como oposición xa o descartaron".

En canto á posibilidade de recoñecer a Armando González como presidente como no seu día se fixo con Guaidó, sinalou que hai que ver "como se posicionan todos os colegas", pero recoñeceu que "nestes momentos non é a posición común da Unión Europea". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade