España reclama aos Estados Unidos que leve as terras con plutonio de Palomares
España reclama aos Estados Unidos que leve as terras con plutonio de Palomares
Trátase de 50.000 metros cúbicos de terras contaminadas con medio quilo de plutonio que en 2015 os EUA se comprometeron a recoller
España reclamou aos Estados Unidos que leve as terras contaminadas con plutonio polo accidente nuclear de Palomares, en Almería, ocorrido en 1966, de acordo ao compromiso político que Madrid e Washington subscribiron en 2015 para o seu traslado ao deserto de Nevada.
O Goberno español reactivou o expediente da limpeza do municipio almeriense afectado polo sinistro nuclear hai 57 anos, segundo publica este luns o diario El País, que cita a fontes diplomáticas.
Tras analizar o devandito expediente detalladamente, "o Ministerio de Asuntos Exteriores presentou aos Estados Unidos a petición oficial para que se proceda á retirada das terras".
A petición presentouse hai uns meses ante a Secretaría de Estado, que a trasladou ao Departamento de Enerxía da Administración do demócrata Joe Biden. Aínda non hai resposta de Washington, aseguran as mesmas fontes, pero a acollida inicial “foi positiva”.
O reloxo corre en contra, xa que quedan só uns meses para que acabe a lexislatura, pero as fontes consultadas móstranse optimistas sobre a posibilidade de alcanzar un acordo en prazo, xa que as relacións bilaterais “están no seu mellor momento dos últimos anos”.
En total, trátase de 50.000 metros cúbicos de terras contaminadas con medio quilo de plutonio e que fan que o estigma radioactivo perdure en Cuevas de Almanzora, o municipio almeriense ao que pertence Palomares e Villaricos, máis de medio século despois. As terras afectadas seguen repartidas por 44 parcelas que o Estado tenta expropiar agora.
En 2015, chegouse a un acordo político (sen ningunha vinculación xurídica) polo que España se encargaría da limpeza e os EUA quedarían coas terras radioactivas. Pero ese memorándum nunca se chegou a desenvolver e a contaminación perdura en Palomares.