Falece o compositor Rogelio Groba, promotor da Sinfónica de Galicia
Natural de Guláns, morreu este sábado aos 92 anos no seu domicilio da Coruña
Deixa unha obra de máis de 700 composicións musicais e un gran legado pedagóxico
O compositor galego Rogelio Groba faleceu este sábado aos 92 anos no seu domicilio da Coruña, segundo informa a propia fundación homónima. Nado en Guláns, foi un dos principais promotores da Sinfónica de Galicia e dos conservatorios galegos.
A orquestra estreou o 9 de novembro no Pazo da Ópera da Coruña a súa última creación, a Sinfonía nº 16, Voces da terra, "na que volvía mostrar o seu inquebrantable amor por Galicia, á que dedicou toda a súa vida e toda a súa obra", subliña a organización que leva o seu nome.
O mestre deixa unha obra de máis de 700 composicións musicais e un inmenso legado pedagóxico. Compuxo 10 cantatas, 7 sinfonías, 5 óperas e 19 concertos na súa extensa carreira.
Premio da Cultura, Medalla Castelao e membro da Real Academia Galega de Belas Artes, foi un compositor preocupado pola universalización da música galega. Nunha entrevista na Televisión de Galicia, hai apenas dous anos, lembraba a súa infancia en Ponteareas, onde comezou a tocar e dirixir.
Os restos mortais do compositor permanecerán no Tanatorio de Servisa, na Coruña, á espera do seu traslado á localidade de Ponteareas, da que é fillo predilecto e onde este luns recibirá sepultura.
Traxectoria
Rogelio Groba Groba naceu o 16 de xaneiro de 1930 en Guláns. Estudou no Real Conservatorio de Música de Madrid, onde obtivo o título Superior en Composición con primeiros premios en Harmonía e en Contrapunto e Fuga.
Despois exerceu como director de banda en diversas prazas da xeografía galega (A Estrada, Tui e Ponteareas) e española (Pedro Muñoz, en Cidade Real). No 1962 trasladouse a Suíza, país no que residiu sete anos.
Alí dirixiu numerosas agrupacións musicais, "como demostra o feito de que naquel tempo se chegasen a celebrar catro Festivais Groba como recoñecemento ao seu labor artístico". Tamén dirixiu a Editorial Musical Rauber, en Lausanne.
En 1967, de volta a España, foi nomeado director da Banda-Orquestra Municipal da Coruña, cargo que exerceu durante 23 anos. Ao tempo fundou a Orquestra do Conservatorio Superior de Música da Coruña e a Orquestra de Cámara Municipal.
Foi profesor de Contrapunto e Fuga, de Harmonía, e de Composición no devandito Conservatorio, que tamén dirixiu durante 20 anos, e fundou varios conservatorios dentro da xeografía galega.
Era membro do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, da Real Academia Galega de Belas Artes e da Real Academia de San Fernando, de Madrid. Desde 2002 presidía a Fundación Rogelio Groba, clasificada "De interese cultural" e "De interese galego" pola Xunta.
