A ONU ve factible unha saída diplomática tras o bombardeo israelí preto de Beirut
A ONU ve factible unha saída diplomática tras o bombardeo israelí preto de Beirut
Familiares de persoas desaparecidas tras o ataque aínda agardan novas dos seus seres queridos
A coordinadora especial da ONU para o Líbano, Jeanine Hennis-Plasschaert, expresou a súa preocupación polo bombardeo israelí nun suburbio ao sur de Beirut e avogou por unha saída diplomática para solucionar "outra alarmante escalada" da violencia na zona.
"Isto debe terminar agora, unha saída diplomática aínda é posible", manifestou nun conciso comunicado.
O medo a unha guerra aberta no Líbano disparouse esta semana, con outros dous ataques sen precedentes contra membros de Hizbulá, que tamén golpearon á poboación civil, tal e como denunciaron diversas ONG e gobernos.
O suburbio atacado este venres, un bastión do grupo xiíta, levou a peor parte dunha vaga de explosións que o pasado martes se rexistraron de xeito simultáneo en miles de buscapersoas en mans de integrantes de Hizbulá.
Ao día seguinte, rexistrouse unha segunda vaga de detonacións nun gran número de aparellos de comunicación por radio. Estes ataques, atribuídos a Israel, deixaron 37 mortos e case 3.000 feridos.
Persoas desaparecidas
Pasadas case oito horas do bombardeo israelí nos suburbios de Beirut, varias persoas aínda agardan novas dos seus seres queridos desaparecidos baixo os entullos xunto aos camións de bombeiros e ambulancias que participan nos labores de rescate.
Segundo o último reconto oficial, o ataque deixa 31 persoas mortas e 68 feridas, entre elas tres nenos e sete mulleres.
Hizbulá confirmou que 16 dos falecidos son membros do grupo xiíita, un deles o comandante Ibrahim Aqil, ao que Israel describiu coma o xefe de Operacións Militares, e Ahmed Wahbi, dirixente do corpo de elite Forzas Radwan.