Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un informe interno culpa o Servizo Secreto do primeiro atentado contra Trump

Un informe interno culpa o Servizo Secreto do primeiro atentado contra Trump

O documento conclúe que os axentes non tiñan a capacidade técnica de comunicarse coa Policía Local nin detectar drons

REUTERS/Marco Bello REUTERS/Marco Bello
G24.gal 21/09/2024 08:34 Última actualización 21/09/2024 10:17

Un informe interno do Servizo Secreto dos EUA, publicado este venres, conclúe que os fallos de seguridade que cometeu o órgano de elite encargado de vixiar os presidentes e figuras políticas de primeiro nivel é o responsable do atentado que sufriu Donald Trump o 13 de xullo.

O documento conclúe, entre outras cousas, que os axentes que se atopaban vixiando o expresidente mentres ofrecía un mitin en Butler (Pensilvania) non tiñan a capacidade técnica de comunicarse coa Policía Local nin detectar drons.

Como consecuencia, Trump quedou ferido de bala nunha orella. O tirador, un mozo de 20 anos que foi abatido despois por axentes do Servizo Secreto, disparou desde un tellado a uns 140 metros do expresidente, aínda que fóra do perímetro de seguridade.

As fortes críticas xurdidas despois do sucedido provocaron a dimisión da directora do Servizo Secreto, Kimberly Cheatle, quen describiu o atentado como "o fallo operativo máis significativo do Servizo Secreto en décadas".

O escrutinio sobre a axencia aumentou nos últimos días despois de que o pasado domingo Trump sufrira un segundo intento de asasinato mentres xogaba ao golf en Florida. Un home estivo horas arrodeando o recinto cun rifle AK-47 pero non chegou a disparar.

Nunha rolda de prensa, o actual director en funcións do Servizo Secreto, Ronald Rowe, afirmou que Trump está a recibir agora "o nivel máis alto de protección posible", unha seguridade que está ao mesmo nivel que a do presidente Joe Biden e a candidata Kamala Harris.

Máis fondos

O suceso do domingo levou a varias figuras públicas, entre eles o presidente Joe Biden, a pedir que o Servizo Secreto reciba máis fondos.

Precisamente a Cámara de Representantes acaba de aprobar por unanimidade un proxecto de lei urxente bipartidista que aumentaría a protección do Servizo Secreto para os candidatos presidenciais de ambos os dous partidos.

REUTERS/Marco Bello REUTERS/Marco Bello
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade