Publicador de contidos
Publicador de contidos

Feijóo defende o compromiso dos cabeza de lista do PP para as xerais

Feijóo defende o compromiso dos cabeza de lista do PP para as xerais

O líder popular asegura que as súas candidaturas non son "froito dun dedazo de última hora" nin proveñen "dunha enxaugadura de dezaseis partidos"

O PSOE acusa o PP de demorar os debates electorais

G24.gal 13/06/2023 14:54

Este martes, o presidente do PP presentou os seus cabeza de lista ás eleccións xerais, nun acto celebrado no Palacio de Aranxuez, en Madrid. Tres de cada catro non foran de primeiros nas anteriores eleccións.

Alberto Núñez Feijóo cualificou o seu equipo como "a candidatura do cambio en España" e asegurou que tivo as mans libres á hora de escollelos. "Sabedes que non sodes froito dun dedazo de última hora nin provides dunha enxaugadura de dezaseis partidos", díxolle aos 52 cabezas de cartel.

O presidente popular defendeu "un partido unido, aberto e fortalecido" fronte "á derrota que destila o sanchismo".

Mantén, polo momento, a incógnita de quen será o número dous que o acompañará na lista que el mesmo encabezará por Madrid.

Tampouco aclara o PP o número de debates que manterá co rivais políticos, a pesar da constante presión que exerce o PSOE. Isabel Rodríguez, voceira do Goberno, insistiu en que "o presidente do Goberno xa amosou a súa absoluta disposición a debater, atendendo o interese social".

Teresa Ribera, vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, apuntaba a que "outros posibles candidatos non din nada con respecto ao que queren facer, aínda que todos sospeitamos o que queren facer e ao que se refiren cando falan de algo tan pouco democrático como dicir que queren derrogar o sanchismo".

Pola súa banda, o ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, volveu advertirlles aos populares que os cambios poden poñer en risco os fondos que recibe o noso país.

Sobre a presidencia española do Consello, asegurou que en Europa "ninguén está preocupado" e considera que "o único risco é que alguén queira politizar algo que é unha política de Estado".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade