Feijóo pídelle a Sánchez reunirse esta semana para evitar a "ingobernabilidade"
Feijóo pídelle a Sánchez reunirse esta semana para evitar a "ingobernabilidade"
Remitiulle unha carta en que se presenta como gañador das eleccións xerais tras o reconto do voto exterior
Asegura que a súa intención é establecer un "diálogo responsable" que permita evitar o "bloqueo"
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, pediulle ao presidente do Goberno en funcións e líder do PSOE, Pedro Sánchez, manter unha xuntanza esta semana para establecer un "diálogo responsable" que permita evitar o "bloqueo" e a "ingobernabilidade" de España.
Feijóo remitiulle este domingo unha carta a Sánchez na que se presenta como gañador das eleccións xerais, tras concluír o reconto do voto exterior que lle outorga ao PP 137 deputados, un máis por Madrid a conta do PSOE.
"España non merece unha situación ingobernable e tampouco podemos permitirnos un bloqueo nun momento tan relevante para a nosa economía e as nosas institucións, en plena Presidencia española do Consello da Unión Europea", sinala.
O líder popular reitéralle a proposta de reunirse para coñecer as súas posicións e poder "detallar" as propias.
"Na responsabilidade que acompaña o candidato da forza política gañadora co propósito de establecer un diálogo responsable, en beneficio da estabilidade política e institucional de España".
Lémbralle que "a complexidade que poden suscitar os resultados electorais non debe agravar" incertezas nin "minar a confianza dos cidadáns na capacidade do noso sistema político e constitucional para asegurar a mellor gobernabilidade en interese de España".
A misiva de Feijóo difundiuse pouco despois de que o PSOE decidira reclamar a revisión de máis de 30.000 votos nulos tras a escasa marxe que separa o PP e o PSOE do último escano por Madrid.