Publicador de contidos
Publicador de contidos

Folgoso do Courel conta con novo acceso tras o desprendemento da LU-651

Folgoso do Courel conta con novo acceso tras o desprendemento da LU-651

Avanza que en setembro decidirá a solución definitiva para a reconstrución da LU-651.

G24.gal 05/08/2022 16:16

A Xunta de Galicia puxo en servizo este venres o novo acceso provisional a Folgoso do Courel, no que investiu 1 millón de euros, e avanzou que en setembro decidirá a solución definitiva para a reconstrución da LU-651.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou a apertura deste novo desvío da estrada LU-651, que constitúe un acceso provisional a este municipio alternativo ao tramo cortado da vía autonómica, onde se produciu un desprendemento.

Vázquez subliñou a “axilidade” da Xunta na execución desta obra, tramitada a través dunha “declaración de emerxencia”.

Sinalou que este acceso comezou a construírse o 24 de maio e “en soamente dous meses quedou executado nun contorno moi complexo”, aumentando incluso o orzamento previsto en máis de 117.000 euros.

A conselleira agradeceu “o traballo e a celeridade dos técnicos e da empresa”, pois, aínda que a data de apertura estaba fixada para este venres 5 de agosto, o avance nas obras permitiu xa que o novo acceso puidese ser “empregado nos labores de extinción e de evacuación dos graves lumes das pasadas semanas”.

Trátase dun desvío da estrada LU-651 que parte do punto quilométrico 17+650, na contorna dunha área de descanso, e conecta novamente coa vía autonómica no 18+470, superada a zona do desprendemento.

Ethel Vázquez sinalou que, a pesar de que se trata dun desvío provisional, esta nova vía ofrece “unha gran funcionalidade” e permitirá o acceso a Folgoso tanto a vehículos lixeiros como a camións e autobuses que agora mesmo teñen o paso restrinxido.

Esta vía dá resposta ao desprendemento ocorrido o 20 de marzo nun tramo de 200 metros da estrada que constitúe o principal punto de acceso a Folgoso desde Quiroga e que quedou reducida nesa zona de Santa Eufemia a unha gran focha.

A Xunta traballa na solución definitiva para a reconstrución da LU-651, ao que se procederá cando estea concluído o estudo de alternativas que vén realizando nos últimos meses.

Ethel Vázquez precisou que “hai sobre a mesa diferentes opcións”, desde a reconstrución da ladeira desprendida con recheos ata a execución dun túnel ou viaduto, pasando por unha vía cun trazado alternativo.

Adiantou que, en setembro, cando o estudo de todos os factores estea concluído, tomarase unha decisión de forma coordinada co concello e poñerase en marcha a solución definitiva ao derrubamento do acceso a Folgoso do Courel.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar