Francia fixa un canon de 3 € polo envío de libros comprados a través de Amazon
Francia fixa un canon de 3 € polo envío de libros comprados a través de Amazon
Francia protexe as súas librerías
Establece por decreto un mínimo de 3 euros por gastos de envío aos libros mercados a través de Internet
"As librerías hai que protexelas porque está claro que hai menos compradores, non só nas librerías, senón en todo o comercio que ten que ver co próximo e co local, entón todo o que favoreza protexer este tipo de comercio e de relación humana, en definitiva, penso que é bo", comenta unha clienta.
Así pensa tamén o Goberno francés, que acaba de aprobar un decreto que fixa un canon de tres euros para os libros comprados a través de Internet. É un intento máis para protexer as tres mil cincocentas librerías que hai no país.
"Un grande acerto que xa tiña que estar feito hai tempo e que aquí ten que chegar se o que queremos é o libro e as librerías de proximidade", apunta Pablo Couceiro, libreiro.
Os xigantes tecnolóxicos están facendo moito dano, sobre todo aos libreiros independentes, que teñen marxes de beneficios máis pequenos. En España hai tres anos organizáronse e crearon todostuslibros.com, a súa propia plataforma de venda.
"É unha forma de contraatacar ou defendernos contra non só Amazon, senón contra moitísimas máis empresas que se están dedicando a iso", explica o libreiro Antonio Pedreira.
"Son monstros contra cos que é moi difícil competir, pero si que hai certas regras coma neste caso as que están implantando en Francia, que si que dende os gobernos poden esixir, non, mira, mínimo tendes que cargar isto porque se non non deixa de ser unha competencia desleal", comenta Pablo Couceiro
Esta tarifa mínima de tres euros en gastos de envío será para todos os pedidos de libros que teñan un importe inferior aos 35 euros. Entrará en vigor o 7 de outubro.