Goberno e axentes sociais abren a negociación da suba do salario mínimo coas posturas distanciadas
Goberno e axentes sociais abren a negociación da suba do salario mínimo coas posturas distanciadas
A ministra de Traballo propón unha alza do 4,4 % e pide altura de miras para chegar a un acordo
O salario mínimo interprofesional que perciben dous millóns e medio de traballadores subiu un 54 % en seis anos. Agora o comité de expertos que asesora o Goberno aconsella elevalo entre un 3,4 e un 4,4 % neste ano. A ministra de Traballo opta pola suba máxima. 50 euros máis ao mes co que se situaría en 1.184 euros en 14 pagas.
"Esta cifra de 700 euros máis ao ano ademais de protexer as persoas da inflación media do 24 tamén mellora o seu poder adquisitivo", asegurou Yolanda Díaz.
Con esta proposta baixo o brazo, ábrese a negociación cos axentes sociais. Os sindicatos advirten que queren máis. Piden que supere os 1.200 euros mensuais.
"Hai marxes empresariais sobradas para subir los salarios reais en España a través da negociación colectiva empezando polo salario mínimo interprofesional onde imos levar unha proposta ambiciosa de suba do SMI", advirte Unai Sordo, secretario xeral de CCOO.
O acordo será difícil tamén cos empresarios que rexeitan subir un salario mínimo, que din que lastra xa sectores da economía como o campo ou o comercio.
"Non son 50 euros. É un custo maior. É certo que o campo, a agricultura ou o comercio son sectores que xa non poden coa suba do 80 % nos últimos anos", explica Gerardo Cuerva, presidente de CEPYME.
A decisión final corresponde ao Goberno que confía con todo chegar a un acordo. "Pídolles aos axentes sociais altura de miras e que intenten chegar a un acordo", reclama a ministra de Traballo, Yolanda Díaz.
O soldo dos empregados públicos tamén vai subir medio punto neste ano, que se aplicará con efecto retroactivo a todo o 2024. Son tres décimas por baixo da suba do IPC.