Publicador de contidos
Publicador de contidos

Kim Jong-un ameaza: "As nosas armas nucleares non poden ser só disuasorias"

Kim Jong-un ameaza: "As nosas armas nucleares non poden ser só disuasorias"

O líder norcoreano instou nun gran desfile a ampliar a capacidade nuclear do país ata o punto de poder realizar ataques preventivos

G24.gal 26/04/2022 12:06

O líder norcoreano Kim Jong-un instou a ampliar a capacidade nuclear do país ata o punto de poder realizar ataques preventivos. Foi durante un gran desfile militar en que o réxime norcoreano exhibiu o seu arsenal de mísiles.

Durante o acto, Kim Jong-un dixo que o seu país ampliará a súa capacidade armamentística nuclear "á maior velocidade" posible, e que se vai preparar de maneira exhaustiva para poder empregar a disuasión atómica en calquera momento. Ademais advertiu, segundo a axencia KCNA, que calquera forza estranxeira "que busque unha confrontación militar" será "aniquilada".

"A nosa misión esencial é disuadir para evitar un escenario de guerra, pero non podemos permitir que as nosas armas nucleares se limiten só a previr unha guerra esperando a que se xere unha situación que desexamos non ver nunca nesta terra", engadiu o líder.

O desfile chega nun momento en que Pionyang está realizando un número récord de probas de proxectís desde que empezou o ano e trata de poñer especial énfase na mellora das súas capacidades tácticas (para poder realizar ataques máis precisos e daniños a nivel rexional. Mentres tanto, os satélites seguen detectando preparativos para o que sería o seu primeiro test nuclear desde 2017.

Kim, a quen se viu vestido cun uniforme militar branco, afirmou que é necesario fortalecer os activos atómicos norcoreanos "en cantidade e calidade" para poder demostrar distintas capacidades "de acordo co propósito e misión de cada operación en calquera escenario bélico".

O discurso tivo lugar durante un gran desfile militar que se celebrou na noite do luns para conmemorar o 90 aniversario da fundación do exército norcoreano e no que se calcula que participaron uns 20.000 efectivos.

Segundo as imaxes difundidas, desfilaron os activos máis poderosos do arsenal das forzas estratéxicas norcoreanas, incluíndo os mísiles balísticos de alcance intercontinental (ICBM) Hwasong-15 e Hwasong-17.

O réxime asegurou probar con éxito este último o pasado 24 de marzo, aínda que os analistas cren que puido probar un Hwasong-15 modificado, dado que o Hwasong-17 que lanzou uns días antes estoupou pouco despois de ser lanzado.

Con motivo do 90 aniversario do exército norcoreano Kin Jong-un tamén visitou o cemiterio de vítimas de guerra

Nesta ocasión desfilaron ademais por primeira vez varias armas de curto e medio alcance que xa foron testadas polo réxime no marco do seu plan para sofisticar as súas capacidades na contorna rexional.

O desfile transcorreu nun momento en que o país segue totalmente illado do exterior pola pandemia e sen responder as invitacións de diálogo por parte dos EUA., con quen as conversas sobre desnuclearización permanecen estancadas desde 2019.

En Corea do Sur, onde en dúas semanas asumirá o poder o seu novo presidente, o conservador Yoon Suk-yeol, quen prometeu manter unha actitude menos tolerante co veciño do norte.

O equipo de transición de Yoon publicou un comunicado en resposta ás palabras de Kim Jong-un. "As ameazas nucleares e de mísiles de Corea do Norte convertéronse nun desafío serio e realista para nós, polo que desenvolver a capacidade para disuadilas é a tarefa máis urxente", di o texto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade