Publicador de contidos

Publicador de contidos

Luz verde aos orzamentos de Santiago co apoio de todos os edís do Grupo Socialista

Luz verde aos orzamentos de Santiago co apoio de todos os edís do Grupo Socialista

Goretti Sanmartín, agradeceu a súa “altura de miras” para favorecer que as contas públicas saísen adiante

Só o PP, o principal partido da oposición en Santiago, votou en contra dos orzamentos

Votación dos presupostos, Europa Press
G24.gal 27/02/2025 12:51 Última actualización 27/02/2025 14:30

O Goberno local de Santiago aprobou este xoves os seus orzamentos para 2025 co apoio de todos os edís progresistas da corporación polo que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, agradeceu a súa “altura de miras” para favorecer que as contas públicas saísen adiante. Só o PP, o principal partido da oposición en Santiago, votou en contra dos orzamentos.

A capital galega contará cuns orzamentos que ascenden a 146 millóns de euros e que non contemplan subidas impositivas pero si unha maior recadación grazas a, entre outras cuestións, a taxa turística, coa que prevé recadar 2,6 millóns de euros. As contas contemplan un gasto corrente de 133 millóns de euros e outros 13 destinados a investimentos reais.

A pesar de que o Goberno local (BNG e Compostela Aberta) xa asinara o pasado xaneiro un acordo co PSOE, este quedou en suspenso despois da ruptura do grupo socialista en Santiago coa expulsión de catro concelleiros, que mantiñan o seu apoio ás contas, pero coa decisión no aire dos edís do sector oficialista.

Con todo, unha vez máis, os seis edís socialistas -que continúan formando parte do mesmo grupo ata que a expulsión sexa firme- votaron a favor dos orzamentos, o que permitiu á rexedora sacar os seus segundos presupostos adiante. A alcaldesa insistiu en que o de hoxe é “un bo día” para a cidade porque estas contas permitirán melloras no día a día dos cidadáns polo que agradeceu a “responsabilidade e altura de miras” do PSOE.

A tenente alcalde María Rozas valorou estes orzamentos que son “moi sociais” ao contemplar “melloras importantes en atención a emerxencias sociais e a persoas maiores”, así como políticas públicas para a mocidade.

O PSOE reivindica a súa "coherencia"

Pese ao expediente de expulsión que o partido mantén contra Gonzalo Muíños, el foi a voz do PSOE no pleno de orzamentos e reivindicou o voto a favor do seu grupo, "que nunca quixo ser responsable da paralización do Concello" por "tacticismos, axustes de contas ou por caer en ofrecementos".

Incidiu na defensa dos socialistas ás contas dun Goberno progresista que incorporou propostas do PSOE e remarcou que “outra cousa sería unha condena e unha decepción”. O voto a favor demostra “coherencia coas nosas ideas porque somos socialistas”, dixo Muíños, a pesar de que a pasada semana o portavoz do PSdeG, Julio Torrado, insistira en que ningún dos edís expulsados representaba xa ao partido.

Na súa intervención, Muíños avogou por levar a cabo unha “oposición responsable útil e construtiva aínda que tamén esixente” e na que se poña “sempre o interese xeral por encima de todo, desde o convencemento que con isto demostramos que a política serve para mellorar a vida das persoas e faio, sobre todo, cando se afasta do ruído e dos cálculos electorais”.

Finalmente, o portavoz do grupo lamentou a actuación da súa propia formación durante estas semanas debido a que o foco mediático estivo sobre o PSOE e non sobre a “negativa” do PP para apoiar uns orzamentos beneficiosos para a cidade. Así as cousas, Muíños lembrou que o voto a favor non é un cheque en branco para o Executivo local e insistiu en que se os orzamentos non se executan “será responsabilidade de quen goberna”.

Doutra banda, mediante un comunicado, o sector oficialista do PSOE explicou que o voto a favor dos seus dous concelleiros ás contas decidiuse na xornada do mércores despois de que o Goberno local atendese á petición de información por parte da dirección do partido.

O PP critica "xestión nefasta"

Os populares rexeitaron os orzamentos e o seu portavoz, Borja Verea, cargou contra os mesmos ao entender que son “unha réplica” dos presentados no pasado exercicio co que o goberno local “demostra que non foron capaces de facer nada cos orzamentos do ano pasado”. Ao longo da súa intervención, Verea xustificou a negativa do seu grupo e considerou ademais que en Santiago “a xestión é tan nefasta que dá igual que este goberno teña ou non teña orzamento”.

Denunciou os “demoledores e insoportables” datos de execución das contas son “tan demoledores” que na mesma circunstancia, opinou, “outros recollerían os avíos e irían para casa”. Por último, o edil popular pediu á alcaldesa que poña o seu cargo a disposición no caso de que non se cumpran as previsións de ingresos que plasmou nas contas respecto a os 2,9 millóns que prevé por licenzas de autotaxi e os 2,6 millóns da taxa turística. Preguntoulle que fará “se acabado o ano 2025” eses ingresos non se recadan. “Que fará? Vai abandonar o seu cargo ou trae aquí uns orzamentos para mentir á cidadanía de Santiago?”, resolveu a alcaldesa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade