Miguel Rodríguez pasa a ser xogador do primeiro equipo a todos os efectos
O dianteiro estaba ás ordes de Rafa Benítez, pero ata hoxe tiña ficha do filial
O canteirán Miguel Rodríguez xa é, a todos os efectos, xogador do primeiro equipo do Celta. Ata o de agora adestrábase e xogaba co equipo de Rafa Benítez, pero mantiña ficha co Celta Fortuna. Desde o 31 de xaneiro de 2024 Miguel pasa a pertencer ao primeiro cadro de xogadores e levará o número 24.
Miguel ten contrato ata o 2028 e entrou a formar parte do club cando só tiña 10 anos. Logo de marcar cen goles como infantil sempre foi por riba da súa categoría. O redondelán, de 20 anos, debutou co filial con só 17 anos e con 18, sendo aínda xuvenil, foi titular indiscutible e goleador no equipo entón adestrado por Onésimo Sánchez.
O ano pasado estivo a cabalo entre o Fortuna e o primeiro equipo, pero este ano só disputou partidos co Celta: 11 en Liga e 5 en Copa.