Música en apoio dos enfermos de ELA no Festival da Luz, en Boimorto
Música en apoio dos enfermos de ELA no Festival da Luz, en Boimorto
A anfitrioa, Luz Casal, saíu ao escenario situado na eira da súa propia casa
Quince mil persoas pasarán ao longo da fin de semana por este festival
Segunda xornada do Festival da Luz en Boimorto, nun día en que a propia Luz Casal saíu ao escenario como unha artista máis para cantar na eira da súa casa natal. Van xa 13 anos de festival recadando doazóns para distintas organizacións solidarias. Nesta ocasión para os que padecen ELA.
A premisa do festival que cada ano Luz Casal trae a Boimorto é clara: boa música, bo ambiente, un espazo para coñecer artistas novos e unha razón de peso: detrás de cada entrada hai unha mostra de axuda con quen máis o precisa.
"Este ano para o ELA. Xa sabemos que é unha enfermidade moi dura que chega de repente. Así que nós, os que temos saúde, poñer o noso gran de area para que a xente que o necesita saiba que estamos con eles. Xa pasamos o millón de euros de recadación nestas edicións e xa son cantidades moi importantes", recorda Farruco Castromán, director do festival.
Cinco escenarios, con música en simultáneo, delimitados por leiras de millo cortadas para a ocasión. Espazos para os cativos, para repoñer forza, para compartir conversas e tamén para o descanso. O Festival da Luz busca que o lugar sexa tamén importante para quen acode, 15.000 persoas en total, que a música galega teña presenza a carón doutros artistas de fóra e que todos os públicos teñan espazo nesta eira común. Este sábado moitos chegan para ver a anfitrioa.
"Se botades un ollo temos rapaces de tres meses ata os avós e bisavós, con oitenta e noventa anos. É unha concentración xeracional marabillosa, no rural e en Galicia. Máis non se pode pedir", comenta Castromán.
Queda música ata a madrugada, e o domingo a terceira xornada deste festival.