Nathy Peluso será cabeza de cartel do Morriña Fest, o festival que se celebra os días 25 e 26 de xullo no porto da Coruña
Nathy Peluso será cabeza de cartel do Morriña Fest, o festival que se celebra os días 25 e 26 de xullo no porto da Coruña
Os abonos están á venda a partir de 83 euros e, en próximos días, estarán dispoñibles as entradas por día

Anunciárono este venres nun acto na Coruña o responsable de prensa de Bring The Noise, Esteban Girón; a alcaldesa, Inés Rey; o xefe de Márketing de Estrella Galicia, Ramón de Meer; e o director de Turismo da Xunta de Galicia, Xose Manuel Merelles.
Ao cartel, do que xa formaban parte Residente, Ozuna, Jhayco ou Mikel Izal, únese agora Nathy Peluso. Tamén se confirmaron os concertos de Alleh & Yorghaki e Elena Rose. O cartel, ao que aínda queda un artista por sumar, conta con Pignoise, Marlon, Ginebras, Duncan Dhu, Miss Caffeina, Alcalá Norte ou Veintiuno.
"É unha cita ineludible en Galicia e no norte peninsular", comentou Girón, que avanzou que o de Peluso será un concerto exclusivo na comunidade. O Morriña Fest, continuou, reúne "os artistas latinos e urbanos máis grandes que veñen a España".
Para a alcaldesa, Inés Rey, este é "un cartel moderno con xente de relevancia e novos talentos" para gozar "dunha cita imprescindible no verán". Incidiu, ademais, no "retorno económico, directo e indirecto, na cidade" da celebración deste festival, que celebra cinco edicións, catro delas na Coruña.
A rexedora defendeu a importancia da "colaboración público-privada", do mesmo xeito que fixo Xosé Manuel Merelles, quen resaltou que "Galicia está especializada en turismo de acontecementos musicais". O xefe de Márketing de Estrella Galicia manifestou que o Morriña Fest "non é un evento máis" para a compañía cervexeira, senón que "é casa, é A Coruña".
Os abonos están á venda a partir de 83 euros e, en próximos días, estarán dispoñibles as entradas por día.