A mítica sala Mardi Gras da Coruña celebra os seus 25 anos con cinco meses de concertos e eventos
A mítica sala Mardi Gras da Coruña celebra os seus 25 anos con cinco meses de concertos e eventos
Haberá humor cun ciclo homenaxe ao falecido Pedro Brandariz, concertos tributo e moito talento galego
Entramos no templo do rock. A sala Mardi Gras leva 25 anos poñendo a súa propia banda sonora á cidade da Coruña desde o barrio de Monte Alto.
"Realmente foi unha aposta moi arriscada que a afección coruñesa recibiu con alegría, sobre todo a que ten máis tendencia cara ao rock and roll, que é o noso espírito, aínda que programamos de todo", recoñece Tomi Legido, director artísico da sala Mardi Gras.
Despois dun cuarto de século, a sala de concertos é coñecida internacionalmente pola calidade da súa programación.
"Dentro destes 25 anos fomos abrindo e empapándonos de mestizaxe musical, desde a música de autor ata o grindcore, incluso", sinala Tomi.
Para conmemorar este aniversario presentaron un cartel de cinco meses de eventos. Haberá humor cun ciclo homenaxe ao falecido Pedro Brandariz, concertos tributo e moito talento galego.
A orquestra Bravú Xangai, que son de aquí do barrio, quixeron estar; Brais Morán estará. Leria, que son unha banda feminina de cinco mulleres, ou As Antonias, que xusto naceron neste escenario como artistas...", explica.
E por suposto, bandas e artistas internacionais.
"Imos ter bandas de Australia, do Canadá, seis dos Estados Unidos, Reino Unido, Holanda e Suecia, se non cae algunha máis", cóntanos Tomi.
Un cartel que aínda pode dar moitas máis sorpresas. Así que, parabéns á sala Mardi Gras e longa vida ao rock and roll.