Publicador de contidos
Publicador de contidos

Notre Dame reabre por todo o alto, pero o mal tempo obriga a adaptar os plans

Notre Dame reabre por todo o alto, pero o mal tempo obriga a adaptar os plans

O vento previsto obriga a mover todos os actos da cerimonia ao interior do templo

Vista da torre Eiffel e da catedral dende o hotel Paradiso. REUTERS/Christian Hartmann
G24.gal 07/12/2024 08:13 Última actualización 07/12/2024 13:32

Cinco anos e medio de intenso traballo xunto ao Sena culminan este sábado unha xesta que parecía imposible: reabrir Notre Dame en tempo récord e devolverlle o seu esplendor.

O mal tempo, con todo, obrigou a adaptar as celebracións a última hora e mover todos os actos ao interior do templo. Prevense refachos de vento de entre 65 e 80 quilómetros por hora na rexión.

"De común acordo entre a diocese de París e a Presidencia da República, toda a cerimonia terá lugar no interior da catedral de Notre Dame de París", detallaron as dúas institucións nun comunicado conxunto.

Inicialmente, o presidente francés, Emmanuel Macron, debía tomar a palabra na chaira da catedral poucos minutos despois do comezo da cerimonia, previsto ás 19:00 horas.

O obxectivo era establecer dous tempos moi marcados: un acto oficial, político e laico, no exterior e outro no interior, máis puramente relixioso, co arcebispo de París, Laurent Ulrich, como protagonista.

Cos axustes polo mal tempo, Macron recibirá na chaira de Notre Dame aos preto de corenta xefes de Estado e de Goberno que acudirán á cerimonia.

A lista inclúe os reis belgas Filipe e Matilde; o presidente alemán, Frank-Walter Steinmeier; a primeira dama dos Estados Unidos, Jill Biden; o xefe de Estado paraguaio, Santiago Peña, ou o da República Democrática do Congo, Félix Tshisekedi.

Tamén estarán entre os convidados o presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, e o próximo inquilino da Casa Branca, Donald Trump, na que será a súa primeira viaxe internacional tras gañar as presidenciais estadounidenses de novembro pasado.

Macron recibirá a ambos os dous unhas horas antes no Elíseo. Porén, a Presidencia francesa non indicou se aproveitarán a visita a París para conversar sobre o incerto futuro do apoio de Washington fronte á invasión rusa.

Outras personalidades tiveron que declinar a invitación, como os Reis de España, Filipe VI e Letizia, ou o papa Francisco, malia que o arcebispo de París lerá unha mensaxe súa.

Apertura oficial da catedral

Tras os saúdos oficiais, Ulrich procederá á apertura oficial da catedral -recitando tres salmos e golpeando a porta cunha cruz- e logo no interior terá lugar a parte política da cerimonia, co discurso de Macron incluído.

Os actos da reapertura prolongaranse ata as 21:00 horas e, segundo a planificación orixinal, debían dar paso a un gran concerto organizado pola televisión pública francesa no exterior da catedral, pero ese plan dependerá tamén do tempo.

O día 8 haberá un programa máis relixioso cunha misa ás 10:30 horas, na que se consagrará o altar, á que asistirán 150 bispos e outras persoas convidadas. Pola tarde celebrarase outra misa para 2.500 fieis e veciñanza parisienses.

Ensaio do espectáculo de luces na fachada da catedral. REUTERS/Sarah Meyssonnier Ensaio do espectáculo de luces na fachada da catedral. REUTERS/Sarah Meyssonnier

O 15 de abril de 2019 Francia espertaba cun dos seus símbolos nacionais, a catedral de Notre Dame, en París, ardendo sen control. O lume arrasou case por completo o templo, derrubando tamén a súa icónica torre de madeira.

Xa restaurada, o vindeiro día dezaseis abrirá de novo as súas portas ao público, logo da cerimonia de apertura oficial deste sábado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade