O árbitro reflicte na acta insultos racistas para o xogador do Fabril Alioune Mané
O xogador fabrilista tivo que ir ao hospital cun cadro de ansiedade
A última xogada do partido entre o Fabril e o Raio Cantabria deixou unha lea na que participaron varios xogadores dos dous equipos. Un deles foi o senegalés do equipo deportivista Alioune Mané, que empurrou a outro do Raio. O árbitro recolleu na acta: "No momento en que ocorren os feitos, tanto eu coma os asistentes estabamos no terreo de xogo xestionando o enfrontamento e non chegamos a escoitar insultos nin ningunha expresión de índole racista".
Pero no vestiario achegáronse os delegados dos dous equipos, o adestrador de porteiros do Fabril e o médico do cadro coruñés. Eles son os que indican ao colexiado que Alioune Mané asegura que un xogador do Raio Cantabria se dirixiu a el empregando expresións como "Es un mono de merda". Nesa xuntanza o delegado do Fabril identificou a Diego Fuentes como o xogador que proferiu os insultos.
O doutor comunicou que Mané presentaba un cadro agudo de ansiedade e foi trasladado a un centro hospitalario, no que recibiu asistencia médica e entregou un informe asinado. O xogador foi dado de alta pola tarde.
