O Arenteiro saca un valioso empate de Salamanca (0-0)
A vitoria puido caer para calquera dos dous lados, pero o marcador non se moveu
O Arenteiro abre a xornada collendo catro puntos de marxe sobre o descenso
O Arenteiro aumentou a oito a súa serie de partidos sen gañar, pero fíxoo cun importante empate no campo dun rival directo, o Unionistas, o que lle permite abrir a xornada por diante dos charros, e con catro puntos de marxe sobre o descenso.
O partido puido caer para calquera bando, xa que os dous equipos tiveron ocasións de perigo. Avisou primeiro Unionistas cun lanzamento lonxano que enviou a córner Diego. Respondía Pascu cun remate ao lateral da rede.
Volveu avisar Pau Martínez cun remate claro que marchou por riba do traveseiro, antes de que Pascu volvera dispor dunha ocasión que lle sacou a córner Iván Martínez. A última deste primeiro tempo fai tamén para os galegos, cun remate moi cruzado de Curro Rivelott.
Na continuación o Unionistas avisou nun par de ocasións, un remate fóra de Gorka Santamaría, e unha cabezada de Mikel Serrano. Pero no treito final o Arenteiro puido sacar a vitoria. Dous remates de Baselga puideron achegar a vitoria. O primeiro, marchou alto. O segundo parouno abaixo Iván Martínez.
E no tempo engadido foi o Unionistas o que buscou a vitoria. Primeiro pedíronse mans de Borge nun saque de banda. Despois, un novo envío desde a esquerda rematouno Carlos García ao pau. Era a última acción dun encontro que lle deu un punto máis ao Arenteiro na busca da permanencia.