O Lugo tropeza contra a Ximnástica Segoviana (0-1) e vólvese asomar á zona perigosa
Fer Llorente marcou no minuto 2, e os galegos xa non deron empatado
Os de Seligrat quedan a dous puntos do descenso
O Lugo complicou a súa situación na Primeira Federación logo da derrota no Anxo Carro contra unha Ximnástica Segoviana que chegaba nunha situación límite e acadou tres puntos que a volven meter na pelexa.
O partido comezou con labazada por parte da Ximnástica, que tardou so dous minutos en adiantarse no marcador. Foi nun envío longo do porteiro Oliva, cun peiteo que lle caía con vantaxe a Érik Ruiz. Pero o central non protexeu ben o balón, e apareceu Fernando Llorente para cruzar a pelota diante de Cacharrón e marcar o primeiro.
O Lugo reaccionou axiña, e fíxose co control do balón e co dominio territorial, pero as súas chegadas non inquietaban a Oliva, máis aló dunha boa parede á que se adiantou o porteiro diante de Jerry, e dun remate cruzado de Lizancos. No treito final, Dani Vidal gozou da máis clara logo dun pase de Jerry Afriyie, pero o seu remate desde a frontal marchou alto.
Comezou a segunda metade, e estivo a piques de facelo como a primeira. Aos catro minutos, un balón longo deixou só a Gómez diante de Cacharrón, pero o remate do dianteiro marchou á esquerda da portería. Mantíñase a desvantaxe mínima, e o Lugo pediu penalti xusto despois por unhas mans dentro da área que o árbitro non sinalou. O balón parado seguía a ser un dos mellores argumentos dos lugueses, e ao saque dun córner, Reniero cabeceaba con claridade, pero ás mans de Oliva. E, pouco despois, era Perero o que lanzaba desde o vértice da área preto da escuadra.
Co partido roto e o Lugo buscando a igualada, o gol podía caer para calquera dos dous bandos. Berlanga tivo outro man a man, que parou Cacharrón de xeito espectacular. E, á volta, Oliva deixou un centro solto e Bryan Mendoza rematou arriba.
Aínda tivo un par delas claras o cadro lugués no tempo engadido. Na primeira, a balón parado, Juan Rodríguez non atinou a rematar a portería desde a área pequena. E, xa no último minuto, Zoilo remataba raso, moi cruzado, confirmando unha derrota que deixa o equipo galego a dous puntos da zona de descenso.