Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Arenteiro saca un empate de Andorra (1-1) e mantense na parte alta

O Arenteiro saca un empate de Andorra (1-1) e mantense na parte alta

Baselga igualou o tanto inicial do Andorra, logo dun penalte que marcou Manu Nieto

Os dous equipos tiveron as súas ocasións, pero o Arenteiro acabou sufrindo

Lauti estrelou dous balóns no pau nos minutos finais

Foto: @fcandorra
G24.gal 23/03/2025 14:20

O Arenteiro sacou un empate de Andorra, un campo difícil, grazas a un gol do seu pichichi Baselga, e remata cunha serie de dúas derrotas consecutivas. Foi nun partido difícil, que se complicou, e no que os do Carballiño souberon sufrir ao final para volver sumar.

Logo dun inicio cun primeiro achegamento dos ourensáns, cunha falta centrada que non puideron aproveitar, o Andorra comezou a estirarse á busca da área de Diego García. E atopouna axiña. Nun centro desde a esquerda, Manu Nieto caía en pugna con Mangel, e o árbitro asubio penalti por agarrón do futbolista do Arenteiro. O propio Manu Nieto lanzou, e marcou o primeiro malia a que Diego García adiviñou o lado. 1-0 en Andorra e aínda non ían dez minutos de partido.

Estirouse á busca do empate o Arenteiro, pero Almpanis volvía avisar cun remate desde a esquerda que chapaba Diego García.

Contra a media hora, un roubo na saída dos andorranos aproveitábao Pascu para asistir a Baselga. O remate do máximo goleador batía no traveseiro, na ocasión máis clara dos ourensáns. Respondeu axiña o Andorra cun remate de Manu Nieto tamén ao pau. Pero Baselga non perdoou dúas veces, e á segunda empataba o partido rematando en boca de gol. O treito final desta primeira metade rexistrou varias ocasións, cun Diego García moi seguro, e o encontro marchaba empatado ao descanso.

A segunda metade comezou co Andorra intentando inquietar, e o Arenteiro saíndo rapidamente á contra. Pero non houbo ocasións claras ata o minuto 20, cando Juanda rematou alto asistido por Almpanis. Xusto a seguir, outra clara do Arenteiro, con remate de Pascu que tamén marchou arriba.

Nos minutos finais, o Andorra dominou e creou varias ocasións claras. Entre Diego García e os seus defensas achicaron varios balóns desde os costados, antes de que Lautaro tivese as últimas dúas ocasións claras, con senllos remates que bicaron a madeira. Pero o marcador non se moveu, empate a uns, e o Arenteiro volve sumar tres xornadas despois.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade