Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Arenteiro non pode coa Ponferradina (0-1) nun partido en que mereceu máis

O Arenteiro non pode coa Ponferradina (0-1) nun partido en que mereceu máis

Os galegos tiveron moitas ocasións nas botas de Enol, destacando o porteiro Prieto

O equipo berciano aproveitou a súa oportunidade, marcou nunha contra o galego Borja Fernández

G24.gal 15/03/2025 19:12

O Arenteiro mereceu a vitoria contra a Ponferradina, pero un gol solitario dos bercianos condenouno a encadear a segunda derrota consecutiva.

Os grandes protagonistas do partido foron Enol e Andrés Prieto. E o porteiro impúxose ao dianteiro, explicando o acontecido no choque. Xa no primeiro minuto, Enos remataba e Prieto respondía cunha gran parada. Pero, pouco despois, unha acción invalidada por fóra de xogo acababa co porteiro mancado pola chegada tardía de Enol. Houbo que parar o partido moitos minutos para pechar a ferida do porteiro na fronte. Prieto puido seguir, cun gorro de baño para evitar que o corte se abrise de novo.

A interrupción non mudou o guión, e Enol tivo outra gran ocasión á saída dun córner, á que respondeu outra vez Andrés Prieto cun gran despexe. E, outra vez, volveu conxurar o perigo á saída deste novo córner.

Malia ao gran inicio do Arenteiro, a Ponferradina aproveitou a súa para adiantarse no marcador. Foi no minuto 38 cun roubo de Borja Fernández, que conduciu o balón ata a área, e cedeullo para o disparo a Mula. O rexeitamento de Diego García quedou morto, e o propio Borja marcaba o 0-1, que non facía xustiza ao acontecido no Espiñedo.

A primeira metade non podía rematar sen outra acción dos protagonistas: Unha falta que rematou desde lonxe Enol, con parada de Prieto. E a continuación comezou cun novo remate de Enol, que rexeitou Prieto.

Nesta continuación houbo menos accións de perigo. Un envío dos bercianos desde a dereita envelenouse, sen que ninguén chegase a rematar na boca do gol. E David Ferreiro asistiu de xeito espectacular a Luis Fernández, que rematou moi cruzado. Neste treito final intensificaba o dominio o cadro de Raúl Jardiel, pero os minutos pasaban coa Ponferradina moi segura en defensa. Mesmo pediron os galegos un penalti de Lancho sobre Mangel nun balón á área visitante. Outro balón parado deulle a Curro Rivelott a oportunidade de rematar, pero o balón saíu un chisco desviado no 90’. O 0-1 final significa a terceira xornada consecutiva sen gañar para o Arenteiro, que se afasta da zona de promoción de ascenso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade