Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Lugo derrota a Unionistas (2-1) e sae momentaneamente do descenso

O Lugo derrota a Unionistas (2-1) e sae momentaneamente do descenso

Os goles de Bryan Mendoza e Juan Rodríguez encarreiraron o partido do Anxo Carro

O Lugo tivo que sufrir ao final por culpa do gol de Rastrojo

Foto: @CDeportivoLugo
G24.gal 15/03/2025 22:33

O Lugo acadou un triunfo moi necesario contra Unionistas, nun partido que se lle puxo de cara cun 2-0, pero no que acabou sufrindo para sumar tres puntos que o sacan momentaneamente do descenso, antes da auténtica final pola permanencia do mércores en Balaídos.

Os de Seligrat tiveron a eficacia de cara a porta que lles faltara en ocasións anteriores, e que os tiña sen gañar desde había catro xornadas. Proba diso foi a xogada do primeiro tanto, unha contra espectacularmente levada por Guille Perero, que asistiu á Cobra Mendoza para un lategazo pola escadra de Unionistas.

Cos salmantinos buscando a igualada sen premio, e despois do descanso, os lugueses ampliaron a renda nunha acción a balón parado, unha das súas especialidades. Era o minuto 59 cando, dun saque desde o curruncho botado por Zoilo saía un rexeitamento. E aí aparecía Juan Rodríguez para rematar con forza á rede.

Parecía que o dous a cero deixaba o encontro sentenciado, pero ao Lugo tócalle sufrir esta temporada. E tivo que apertar os dentes despois de que Unionistas acurtara diferenzas. Foi no minuto 88, nunha xogada persoal de Rastrojo que fixo todo, incluído recoller o rexeitamento do seu disparo para rematar de segundas e meter o medo no corpo da afección do Anxo Carro. Aínda tivo a última Unionistas nun saque de banda que Chuca rematou por riba do traveseiro. O 2-1 foi xa definitivo, e lanza ao Lugo antes do derbi contra o Celta Fortuna, que ten os mesmos 33 puntos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade