O Fabril asalta Guijuelo (0-1) e métese nos postos de promoción de ascenso
O equipo de Manuel Pablo acadou a terceira vitoria consecutiva fóra da casa
Un gol de Alfaro decidiu o encontro
O Fabril está intratable como visitante neste treito da temporada e, co terceiro triunfo consecutivo lonxe da Coruña, aséntase nos postos de promoción e cun partido menos. En Guijuelo os de Manuel Pablo acadaron o triunfo cun gol solitario. Marcouno Alfaro, como xa fixera no triunfo en Escobedo de hai dúas xornadas. Era o minuto 41. Antes, avisara Íker, respondendo Juhan Guzmán cunha boa parada.
Na segunda metade, o equipo coruñés mantivo a vantaxe, cun par de boas intervencións de Hugo Ríos a tiros e Fran ou de Alejandro Morales. Mesmo puido ampliar a renda o Fabril por medio de Nsongo Bil e de Alfaro.
Co triunfo, suma 40 puntos en 25 partidos, co encontro pendente do mércores no Vero Boquete (21:00h). Cun triunfo nese derbi adiado no seu día polo temporal, o filial podería abrir unha fenda de catro puntos sobre o Bergantiños, que marcha sexto da táboa.