Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Bergantiños acada a 5ª vitoria consecutiva cunha remonta espectacular contra o Promesas (3-2)

O Bergantiños acada a 5ª vitoria consecutiva cunha remonta espectacular contra o Promesas (3-2)

O filial pucelano adiantouse axiña con dous goles

Es galegos non desistiron en ningún momento, e acadaron o premio que os mete na zona de promoción

G24.gal 16/03/2025 14:09

O Bergantiños remontou no treito final contra o Valladolid Promesas, para sumar a qunta vitoria seguida e pisar a promoción de ascenso. E foi nun partido que perdía por 0-2 no 66, e que acabou gañando no engadido cun golazo de Pachón.

O marcador final da primeira metade non reflectiu para nada o acontecido nas Eiroas. O Valladolid Promesas tirou de efectividade máxima. Nos primeiros minutos fixo máis méritos co Bergantiños, creando perigo polas bandas. E aí acadou dous goles. O primeiro, aos 5 minutos, nun roubo de balón que desembocou nun centro desde a esquerda. O rexeitamento de Canedo recolleuno Maroto e anotaba o 0-1. Volveu entrar con perigo Sessé, nunha boa acción persoal, antes de que Xavi Moreno ampliara a conta para o seu equipo. Foi no 19, logo dun saque de banda, e aparecendo desde o segundo pau para marcar.

Castigo excesivo para un Bergantiños que fixo méritos máis que suficientes para acurtar diferenzas e mesmo empatar. Mediado este primeiro tempo, unha acción polémica de Alani sobre Antañón foi asubiada fóra polo árbitro. O contacto semella dentro da área. Nesa falta puido marcar Cristian Moreno, pero luciuse Fer Pérez. A partir de aí, monólogo dos galegos, que puideron marcar tamén por medio de Álex Ramos, Antañón e Tijan en dous bos remates. Fer Pérez respondeu pechando a súa porta, co que o 0-2 chegou ao descanso.

Na segunda parte, o Bergantiños tardou en volver coller o dominio, pero foi inclinando o campo cara a porta rival co paso dos minutos. Non perdeu a fe o conxunto galego, e a súa insistencia acabou dando os seus froitos. No minuto 66, acurtaba diferenzas nunha acción afortunada. Remataba Pachón, e o balón petaba en Arconada e despistaba a Fer Pérez para acabar no fondo da rede.

E, no treito decisivo, desatouse a tolemia nas Eiroas. No minuto 87 ía chegar o empate. Foi nunha acción de Tijan pola esquerda, cun centro que rematou Kensly por dúas veces para levantar un partido moi difícil.

Pero aínda quedaba o mellor. Logo dun man a man que non puido aproveitar Manu, no minuto 94 o Bergantiños apelou á heroica, e á súa gran especialidade. Un córner que remtatou de chilena Pachón logo do rexeitamento para deixar os puntos en Carballo. O Bergantíños queda momentaneamente no quinto posto despois da quinta vitoria consecutiva.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade