Ángel Sánchez lanza no engadido ao Ourense Club de Fútbol (1-0)
Gañoulle ao Real Unión despois dun partido de dominio visitante e que decidiu o centrocampista nunha das últimas xogadas
O Ourense Club de Fútbol conseguiu outra agónica vitoria no partido contra o Real Unión (1-0). Un gol de Ángel Sánchez no tempo engadido segue afastando o cadro ourensán da zona de perigo e encamíñase cara o medio da táboa.
Saiu mellor o Real Unión, que tivo as primeiras accións do partido. Un remate cruzado de Sergio Benito, e outro tiro lonxano de Aranzabe foron os primeiros avisos. Pero, a partir do cuarto de hora, foise estirando o Ourense Club de Fútbol. Pediuse penalti por mans de Aranzabe, antes da primeira gran ocasión, un remate cruzado de Carbonell despois dun rexeitamento. A mellor dos locais quizais foi un lanzamento lonxano de Jairo, que tivo que sacar o porteiro a córner con apuros no minuto 47.
Tras o descanso, volveu saír mellor o equipo visitante, que volveu ter os primeiros achegamentos, nas botas de Asier Benito e Sergio Benito. O Ourense CF tamén se estiraba buscando as súas opcións, pero non chegaba a inquedar a James Wright. Todo apuntaba a un empate sen goles ata que Ángel Sánchez, o xogador dos tantos milagreiros, acertou a poñer na rede un remate cruzado.