Xornada triunfal na Liga Feminina de baloncesto
O Baxi Ferrol segue en estado de graza e gañoulle ao Germika por 80-56
O Ensino sorprendeu a todo un Perfumerías Avenida e deixa a permanencia garantida
O Celta imponse na pista do Araski e volve soñar con manter a categoría
Xorrnada triunfal na Liga Feminina de baloncesto con tres triunfos que achegan a Baxi Ferrol, Durán Maquinaria Ensino e o Celta Femxa Zorka aos seus obxectivos.
Ao Baxi Ferrol, coa moral por todo o alto logo da clasificación para a final da Eurocup Women, non lle importou a falta de descanso e pasoulle por riba ao Gernika, co que pelexa por entrar no play off polo título. Encamiñou o triunfo nun gran primeiro cuarto (23-14) e sentenciou no terceiro grazas a un parcial de 21-11. Gañou por 80-56 con 21 puntos de Noa Morro e 18 de Blanca Millán (29 de valoración para a santiaguesa)
O Durán Maquinaria Ensino sumou a undécima vitoria e garantiu a permanencia na categoría. E fíxoo contra un dos mellores equipos de Europa, o Perfumerías Avenida por 69-64. Despois dun encontro moi igualado (32-35 ao descanso e 51-54 no final do 3º cuarto) o equipo lugués decidiu cun sensacional último cuarto no que defendeu moi ben e atacou con acerto. Esther Castedo con 17 puntos e 4 triplas foi a xogadora máis destacada.
O Celta Femxa Zorka segue en postos de descenso pero gañou un partido decisivo na cancha do Araski, equipo que marca a zona de permanencia e que agora está só unha vitoria por riba das viguesas. Gañou o Celta por 68-78 nunha vitoria que encamiñou no primeiro tempo (36-49) e mantivo a vantaxe na segunda parte. Haidara e Samson (17 puntos) lideraron a anotación nun triunfo fundamental para as asspiracións do equipo de Cristina Cantero.