O triunfo do Ensino en Navia complica a permanencia do Celta
O equipo lugués queda moi preto da salvación despois de gañaren o derbi (66-73)
O Baxi Ferrol gañou na pista do Ardoi por 68-83

Ambiente excepcional en Navia. Coa Oliveira a tope e dous equipos coa permanencia en xogo. Máis apertado o Celta que foi o que saíu máis agresivo e da man de Cooper e Alnatas chegou a ir 11 arriba mediado o segundo cuarto. Pero aí reaccionou o Ensino e cun parcial de 6-12 colocouse a tres no intermedio (40-37).
A volta as de Lugo remontaron apoiadas nunha zona 2-3 e na achega de Mollenhauer. Dez puntos para ela no terceiro cuarto. Ensino tomou 11 de vantaxe, pero aí volveu o Celta cun golpe de carraxe pra igualalo. E así foi como chegamos a uns dramáticos minutos finais, cheos de nervios e perdas, con 66-67 a falta dun minuto. E con Soriano decisiva neses intres. Unha penetración e par de tiros libres no medio da desesperación celeste pecharon a vitoria para o Ensino (66-73). Paso de xigante para a salvación que afunde as esperanzas do Celta.
O Baxi Ferrol superou o Osés por 68-83. O conxunto navarro chegou a poñerse a dous puntos ao comezo do segundo tempo, porén, un parcial de 0-13 rachou o partido. Joiner, 15 puntos e 21 de valoración, foi a máis destacada do Baxi aínda que todas as xogadoras acadaron polo menos dous puntos.
O duodécimo triunfo na liga permítelle ao Baxi seguir na loita por entrar no play off polo título e dá moral antes da volta das semifinais da European Cup en Lyon. Verémolo este xoves ás oito na G2 e en Agalega.gal.