O Celta Fortuna volve amosar a súa febleza como visitante en Andorra (2-0)
Logo de crear boas ocasións na primeira metade, os de Fredi desfondáronse tras o gol de penalti de Lautaro
Juanda pechou a conta nunha acción desafortunada dos galegos
O Celta Fortuna non é quen de ofrecer regularidade esta temporada, porque perde fóra o que gaña na casa. Así as cousas, os de Fredi seguen ameazados pola zona de descenso, neste momento a dous puntos.
En Andorra, o partido comezou sen ritmo, por culpa de varias accións que requiriron das asistencias. Aos poucos, foise metendo o Fortuna, que creou as primeiras ocasións en senllos remates de Escobar. O primeiro, lixeiramente desviado. O segundo, logo dun roubo, parouno de lonxe Ratti. O Andorra inquietou nun par de balóns longos. Un, anulado por fóra de xogo. O segundo tivo que rexeitalo Marc Vidal despois dun bo remate cruzado.
Pero o Celta Fortuna seguía ao seu, e gozou de boas ocasións nos minutos finais. Logo do saque dunha falta, Óscar Marcos rematou a portería, pero rexeitou Ratti. Despois, á saída dun córner, entre Gael e Yoel remataron alto, e o balón botou no traveseiro. Para rematar o asedio, Escobar gozou da última, pero volveu parar Ratti, e o partido ía empatado ao descanso. O filial acusou o paso polos vestiarios. Despois dun remate desviado de Alende, Antañón cometía penalti por mans á saída dun córner, e Lautaro repetiu o guión doutras moitas saídas do Fortuna esta temporada. Despois de crear boas ocasións, víase por detrás no marcador.
Se cadra polo aspecto anímico, o conxunto de Fredi foi superado a partir dese momento. E o Andorra sentenciou o choque noutra acción a balón parado. Unha falta desde o costado da área que Juanda centrou e, sen que o tocase ninguén, o balón acabou na rede. De aí ao remate, o Celta Fortuna so foi quen de inquietar a Ratti cun tímido remate de Hugo González, mentres o Andorra creou moi boas accións á contra que obrigaron a empregarse a Marc Vidal.
O 2-0 final deixa ao filial nunha situación complicada, a tiro do descenso.