O Lugo non pode co Tarazona, rival directo no Anxo Carro (1-2)
Os de Seligrat non foron quen de crear ocasións claras de perigo, e concederon en exceso na área propia
Dous goles do pichichi Adrián Fuentes, ex-xogador do Lugo, mandaron os puntos cara Aragón
A Cobra Mendoza descontou de penalti, pero o cadro galego non puido empatar
O partido comezou cos dous equipos tomándose a medida e con máis medo de perder que afán de chegar á área contraria. O xogo estivo parado en moitas ocasións. Proba delo foi o primeiro cartón a Roger Martínez cando so ían disputados 15 segundos de encontro.
Así as cousas, o primeiro remate entre os tres paus ía desequilibrar o resultado. E fíxoo o Tarazona, nunha cabezada do ex-xogador do Lugo Adrián Fuentes, que se adiantou a Marcos Lavín na saída. Un gol que valía o seu peso en ouro entre dous equipos aos que separaba so un punto na táboa.
O Lugo intentou inclinar o campo cara á portería de Fuoli, pero so puido rematar en dúas ocasións. A primeira, de Jon Cabo, marchou desviada. E a segunda, xusto antes do descanso, foi de Érik Ruíz ás mans do porteiro.
Na segunda metade o partido seguiu un ritmo semellante. Poucas ocasións, e máis efectividade do cadro aragonés. Asúa gran ocasión presentouse, desta volta, de penalti, logo da infracción cometida por Roger Martínez sobre Cedeño á saída dun córner. Adrián Fuentes encargouse de asinar o dobrete, e de colocarse como máximo goleador do grupo con 13 tantos.
No Lugo nada funcionou, nin na área propia nin na contraria. Nin co 0-2, os de Seligrat foron quen de crear perigo serio sobre a portería aragonesa ata o minuto 80, cando un bo envío desde a dereita acababa nun penalti cometido por Pepe Mena sobre Afriyie. Encargouse de transformalo, cun potente disparo, a Cobra Mendoza. Quedaban dez minutos, pero o Lugo non volveu atopar o camiño da meta visitante. O equipo segue ollando cara abaixo, momentaneamente a un so punto do descenso.