Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Celta Fortuna empata coa Ponferradina (1-1) e segue sen fuxir de abaixo

O Celta Fortuna empata coa Ponferradina (1-1) e segue sen fuxir de abaixo

Yeray adiantou os bercianos cun lanzamento de falta espectacular

Escobar igualou asistido de xeito maxistral por Óscar Marcos

Foto: @CanteiraCeleste
G24.gal 02/03/2025 19:58

O Fortuna salvou o empate en Balaídos diante dunha Ponferradina que se adiantou, e que acabou conformándose coa igualada. Unha igualada que non lles abonda aos de Fredi para fuxir da zona de descenso, momentaneamente a dous puntos.

O Fortuna entrou mellor ao partido e, froito da súa presión adiantada, creou as primeiras boas ocasións. Primeiro nun erro na saída de Andújar, que Tincho aproveitou para rematar raso. Rexeitou ben situado o porteiro Andrés Prieto. E, contra o cuarto de hora, nun roubo tras o que Escobar rematou lixeiramente por riba do traveseiro.

Pero, co paso dos minutos, a Ponferradina foise asentando no terreo de xogo, e súas foron as últimas accións de perigo deste primeiro tempo. Cortés culminou unha contra cun disparo rexeitado a córner e, logo dunha acción a balón parado, Ger Novoa remataba cruzado moi preto do pau de Marc Vidal.

Na segunda metade, unha acción illada ía valerlle á Ponferradina para abrir o marcador. Foi cun lanzamento de falta espectacular de Yeray, que bateu no traveseiro e acabou no fondo da portería de Marc Vidal. Xusto a seguir, o equipo berciano puido decantar o choque, cun remate de Cortés á contra que se estrelou outra vez no pau, pero marchou fóra. Superado este momento, o filial botouse á busca do empate, que ía chegar no minuto 65. Unha gran xogada de equipo, con asistencia espectacular de Óscar Marcos, e resolución por baixo de Jordi Escobar para igualar a uns.

Faltaba moito partido, e os vigueses dispuxeron doutra boa opción cun remate afastado de Gael Alonso que rexeitou Andrés Prieto. E, no treito final, volvía aparecer o porteiro para desbaratar unha entrada desde atrás de Tincho.

Malia a todo, a última ía ser para a Ponferradina. Unha falta no 95 que tivo que rexeitar Marc Vidal abaixo para salvar un punto para o filial, que queda dous puntos por riba do descenso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade