Rácing e Deportivo saben que "todo se vai igualar" no derbi do sábado
Óscar Gilsanz considera que nun partido destas características "non hai un favorito"
No vestiario do Rácing queren darlle unha alegría a unha afección moi desgustada co rendemento do equipo
Non pasan polo seu mellor momento nin o Rácing nin o Deportivo. No aspecto clasificatorio, o cadro departamental está nunha situación límite, despois de encadear oito xornadas sen gañar e catro sen marcar e baixar ao penúltimo posto da clasificación. A salvación está a 14 puntos e só quedan trinta en xogo.
Dentro do equipo son conscientes de que gañar o derbi sería un xeito de reconciliarse cunha afección moi desgustada polo papel que está a facer o cadro departamental esta temporada. Así o recoñecían Álvaro Sanz e Naim despois do encontro do Málaga e a motivación dentro do vestiario será especial para un encontro no que A Malata estará ateigada.
Pensa do mesmo xeito Óscar Gilsanz, que coñece ben a emotividade dos partidos de rivalidade. "Nada importa a clasificación ou as dinámicas, todo se vai igualar", recoñece o adestrador betanceiro.
Tampouco pasa polo seu mellor momento un conxunto deportivista que con tres empates consecutivos está a deixar pasar o tren de engancharse a unha zona máis alta da clasificación e poder entrar con algunha opción de fase de ascenso nas últimas xornadas.
O Deportivo ten sete puntos de marxe sobre o descenso e está a nove do play off e o da Malata pode ser unha das últimas opcións para subir chanzos na clasificación.