O Baxi Ferrol prepara un mércores de festa para todos os afeccionados
Haberá concertos, xuntanza previa á final, recibimento ao equipo e a troula durará ata a noite

Este mércores será xornada de festa en Ferrol. O Baxi xogará a ida da gran final da Eurocup Women de baloncesto, o primeiro equipo da historia do noso baloncesto que disputa unha final europea. Por iso o club quere agradecer o apoio dos seareiros e prepáralles un día de troula pase o que pase no partido.
Desde as 17:00 horas comezarán os actos nos exteriores da Malata. Ás 18:00 haberá un concerto co grupo Los Alcántara. Ás 18:30 pararase todo para recibir as xogadoras á súa chegada ao recinto polideportivo. Despois seguirá a festa ata que vaian entrando os seareiros no pavillón. Todos aqueles que non conseguiran unha entrada tamén poderán achegarse á 'fan zone' porque estará habilitada unha pantalla xigante coa retransmisión da Televisión de Galicia, onde poderá seguirse o partido e os berros que haxa fóra tamén se notarán dentro da pista.
Coincidindo co final do partido, a iso das 22:00 horas volverán as actuacións musicais para xuntar todos os seareiros nos exteriores da Malata no último partido desta aventura continental do Baxi Ferrol.