A final da Eurocup decidirase na volta en Francia (75-78)
Derrota do Baxi Ferrol despois de facer un gran partido nunha eliminatoria que queda moi apertada
O Baxi Ferrol e o Villeneuve decidirán a final da Eurocup Women no partido de volta. A ida rematou co triunfo francés que xogará na súa casa a volta cunha mínima vantaxe (75-78).
O equipo francés comezou o partido cun acerto extraordinario. Cada ataque remataba en canastra e cedo comezaron a coller distancia (9-18). O Baxi aguantaba grazas ao acerto de Pospisilova e Mataix e achegouse (18-22) pero rematou oito abaixo o primeiro parcial (25-33). O segundo cuarto ía no mesmo camiño (28-40) ata que o conxunto local mudou a defensa. Iso provocou o desconcerto no Villeneuve e chegou un parcial de 16-2 ata o final da primeira parte que puxo o Baxi por diante por primeira vez no partido coincidindo co descanso (44-42).
No terceiro cuarto os dous equipos comezaron un intercambio de canastras. Ata en dez ocasións os dous equipos foron cambiando á fronte do partido. O Baxi chegou a ter unha máxima de tres puntos (52-49) e o Villeneuve tamén manexou esa vantaxe xusto na última posesión (60-63). O último cuarto comezou co cadro ferrolán moi atascado en ataque. Só dous puntos en catro minutos era unha bagaxe preocupante (62-69) pero as xogadoras ferrolás conseguiron refacerse e volveron a igualar o partido. As vantaxes foron mínimas no treito final e o encontro acabou cunha diferenza de tres puntos a prol do Villeneuve (75-78) que deixa todo aberto para a volta.