Ane Azkona executa o Deportivo Abanca (2-0)
Dous goles da xogadora do Athlétic sentenciaron o partido de Lezama
O Deportivo Abanca sumou a sexta xornada sen gañar. Perdeu en Lezama diante do Athlétic Club por 2-0. A dianteira local Ane Azkona decidiu o encontro con dous goles. Con este resultado o equipo coruñés segue a manter os catro puntos de marxe co descenso grazas á derrota do Betis.
O dominio na primeira metade foi total do Athlétic aínda que con moi poucos achegamentos de perigo polo bo traballo defensivo do equipo coruñés. Un remate alto de Nahikari foi a opción máis destacada. No minuto seis do segundo tempo cambiou o partido dun xeito radical co gol marcado por Ane Azkona. Iso obrigou ao Deportivo a arriscar en ataque e o Athlétic atopouse moito máis cómodo xogando ao contragolpe.
O segundo gol chegou no minuto 72, nun remate da propia Azkona que entrou na porta de Inés Pereira con suspense. Na parte final do partido buscou o gol o equipo coruñés, pero non inquietou a porta bilbaína.