O Deportivo Abanca saca un valioso empate de Valdebebas (2-2)
As de Fran Alonso adiantáronse por dúas veces no marcador, pero o Real Madrid reaccionou para evitar o triunfo
Un punto dos que non se contan e dos que valen ouro. O Deportivo Abanca rabuñou un empate en Valdebebas nun partido no que tivo dúas veces vantaxe no marcador. A primeira os 24 minutos, logo dun penalti cometido por Antonia sobre Millene. Transformouno Olaya Enríquez, curiosamente unha xogadora cedida ao Deportivo polo Real Madrid.
O resultado mantívose ata o descanso, no que Toril tivo que introducir tres trocos. Porén a artífice da igualada foi unha rapaza de 17 anos que estreaba titularidade. Carla Camacho logrou o 1-1 aos oito minutos do reinicio, ao rematar unha acción a balón parado.
O que podía ser o inicio da remontada viuse freado pola resposta do equipo de Fran Alonso. Marcou aos 62 minutos, marcou Antonia na súa propia porta, nun centro de Paula Novo que buscaba a Bárbara. Mañá desafortunada para a brasileira, cun penalti cometido e un gol na súa meta.
O Real Madrid, loxicamente, incrementou o dominio. Disparou 25 veces, 9 delas a porta. Pero o empate tivo que ser de penalti, no minuto 82. Discutible o penalti, a acción de Lucía sobre Caicedo. Marcou Olga Carmona o definitivo 2-2, un resultado que soubo optimizar o Deportivo Abanca ata o asubío final.