Lucas Pérez, posible caso de tuberculose no vestiario do PSV
O club neerlandés confirmou un caso dentro do cadro de xogadores e o xornal De Telegraaf anticipa que é o xogador de Monelos
Comezou dun xeito moi accidentado o paso de Lucas Pérez polo PSV neerlandés. Logo da marcha do Deportivo, as semanas sen equipo e o serial para a súa contratación, o futbolista de Monelos podería sufrir tuberculose e perdería o que queda de temporada. Desde a súa chegada ao PSV Lucas só puido participar en tres encontros, nos tres como suplente.
O xornal De Telegraaf deu o nome de Lucas Pérez e indicou que, segundo o club, deberá "permanecer illado durante tres ou catro semanas e someterse a un tratamento con antibióticos". Iso provocaría unha mingua importante na condición física do xogador, que volvería, como moi pronto, o mes de maio, cando as competición están a piques de rematar e case non tería tempo para recuperar a condición física.
A preocupación no PSV é que exista un gromo no vestiario e haxa máis infectados. A confianza dos servizos médicos é que a tuberculose "ten un longo período de incubación" antes de que aparezan os síntomas, e por iso reduciría o posible gromo.